Escoitar

O Pleno debaterá as modificacións do Plan Xeral a próximo luns

As modificacións do PXOM para a súa segunda aprobación provisional irán ao Pleno do próximo luns, no que a Corporación Municipal debaterá o dictame negativo emitido hoxe martes polo Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo en relación aos cambios introducidos no documento.

martes, 24 abr 2007
1177419198xeren240407.jpg
O Consello da Xerencia tratou nunha reunión extraordinaria as referidas modificacións, que finalmente foron rexeitadas ao resultaren insuficientes os votos favorables do PP fronte aos votos en contra do PSdeG-PSOE e do PG. O BNG mostrou a súa disconformidade con estas modificacións por medio da abstención.

Os nacionalistas, a través do seu portavoz, Henrique Viéitez, avogaron por esperar ata despois das eleccións municipais para que "cun novo escenario político se retomen os traballos" a partir do Plan Xeral aprobado provisionalmente en maio de 2006.

Nesta liña, o representante do PG, Manoel Soto, afirmou que a opción máis axeitada é "que se deixe este Plan sobre a mesa" para que sexa a próxima Corporación a que "resolva" abrindo o "camiño do consenso".

De acordo con estas posturas, BNG e PG presentaron unha emenda para que se retirase da orde do día do Consello a aprobación das modificacións do Plan Xeral. Esta emenda foi rexeitada ao recibir os votos en contra de PP e PSdeG-PSOE. Deste xeito, a tramitación do PXOM segue adiante e os cambios introducidos no documento a raíz da Orde da Consellería de Política Territorial do 19 de xaneiro irán a Pleno, aínda que co dictame negativo do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo.

Neste sentido, o portavoz dos socialistas, Mauricio Ruiz, afirmou que o Plan Xeral "ten que ser levado a Pleno pero corrixido", fundamentalmente no que se refire ao "crecemento desproporcionado" da edificabilidade residencial, que as "supostas modificacións", asegurou, non subsanan. Ademais, Ruiz volveu demandar a incorporación ao Plan da obriga de destinar un 40% da edificación residencial a vivenda sometida a algún réxime de protección, fronte ao 20% actual. Esta e outras propostas formaban parte dun conxunto de 37 emendas ao documento modificado que Ruiz presentou ao Consello e que este rexeitou cos votos en contra do PP e do PG e a abstención do BNG.

Fronte ás críticas dos socialistas, o portavoz do PP, José Manuel Figueroa, salientou o consenso alcanzado arredor do Plan Xeral tanto no Concello como no Consello Sectorial de Urbanismo. Figueroa afirmou que "estas correccións non nos gustan" pero lembrou que o seu grupo "asumiu o traballo iniciado" pola anterior Corporación "para que Vigo tivese un Plan Xeral o antes posible" e resolver, deste xeito, problemas como o da "inseguridade xurídica permanente" que, ao seu ver, padece a cidade. Finalmente, o portavoz popular criticou a actuación da Xunta de Galicia na tramitación do PXOM e asegurou estar convencido de que "van aprobar este Plan" tal e como está.
Descargar todas as imaxes