Escoitar

O Concello destinará 400.000 euros ao subministro de formigóns

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión de hoxe luns, dentro do apartado de Vías e Obras, un gasto de 400.000 euros para a contratación do subministro de formigóns para o Concello.

luns, 26 feb 2007
1172499456xunta270207.jpg
Este acordo, co que se inicia o procedemento de contratación para a selección do contratista, establece que da cantidade dedicada a este fin, 200.000 euros serán imputados ao exercicio de 2007, e os outros 200.000, ao de 2008.

Tamén dentro do apartado de Vías e Obras, a Xunta de Goberno abriu os procedementos licitatorios para a contratación das obras dos proxectos de supresión de barreiras arquitectónicas e de reparación xeral de beirarrúas na cidade de Vigo. Para o primeiro destes proxectos autorízase un gasto máximo de 200.000 euros, mentres que ao segundo se destinará un importe máximo de 150.000 euros.

Por outra parte, o Goberno municipal adxudicou a Fundación Aldaba o concurso para a contratación dun dispositivo de atención á infancia e á familia. O prezo anual deste contrato é de algo máis de 475.000 euros. Tamén na área de Patrimonio e Contratación, a Xunta de Goberno acordou destinar 21.500 euros á contratación dos servizos de edición dunha Guía Cidadá de Servizos Municipais.

Finalmente, o Goberno municipal aprobou a adhesión do Concello de Vigo ao convenio de colaboración suscrito o 26 de maio de 2006 polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Federación Española de Municipios e Provincias para mellorar a accesibilidade no transporte por autobús. A adhesión do Concello de Vigo a este acordo concretarase na incorporación á súa flota de autobuses públicos urbanos de 10 vehículos accesibles, dos cales seis son asignados para recibir unha achega de algo máis de 54.000 euros do IMSERSO.
Descargar todas as imaxes