Escoitar

O Goberno local presenta un plan para humanizar o contorno de Coia

O Goberno local presentou hoxe venres o seu Plan de Humanización do Contorno de Coia, con actuacións "en execución ou en plena licitación" cun importe de 18,5 millóns de euros.

venres, 2 feb 2007
1170430414coia020207.jpg
Entre as actuacións incluídas neste plan están están a mellora de beirarrúas da avenida de Castelao, a colocación de 76 luminarias novas no parque da Bouza, a mellora da accesibilidade na rúa A Garda mediante a construción dunha rampa, a execución dun aparcadoiro en superficie duns 1.300 m2 na rúa Cangas, a mellora de beirarrúas en 13 rúas e do asfaltado en 16 (en catro destas rúas finalizaron xa os traballos). Todas estas obras supoñen un investimento de algo máis de un millón de euros.

O plan de humanización completarase coa execución de novos equipamentos para Coia, como son unha pista polideportiva ao aire libre na rúa Luis Casado (obra valorada en 2,6 millóns e de próxima adxudicación), un centro de día, unha escola infantil en A Quintela, unha Unidade Básica de Acción Social para persoas necesitadas e un centro cívico con biblioteca, auditorio, zona de Internet e ludoteca.

Ademais, o Concello proxecta como grande obra para o barrio un aparcadoiro de 400 prazas, das que a metade estarán reservadas para os veciños. A execución deste aparcadoiro está pendente de adxudicación.

A alcaldesa, Corina Porro, dixo na presentación deste plan que se trata de saldar unha débeda da cidade con Coia, un barrio no que, segundo recordou, existen "zonas moi transitadas e que carecían de beirarrúa". Corina Porro afirmou que o Plan de Humanización do Contorno de Coia presentado hoxe venres "é unha realidade", xa que "temos todas e cada unha das partidas e todas e cada unha das actuacións estudadas". O único que pode quedar no tinteiro, segundo lembrou Porro, é a humanización da rúa Vilagarcía, ao non aprobarse os orzamentos municipais de 2007. Así e todo, isto "non quere dicir que non o farei no futuro", asegurou a alcaldesa.
Descargar todas as imaxes