Escoitar

Vigo prepárase para unha multitudinaria Cabalgata de Reis

A saída da comitiva da Cabalgata de Reis está prevista para as 18.15 horas do venres e percorrerá as rúas García Barbón desde o nó de Isaac Peral, seguindo por Policarpo Sanz e finalizando na Porta do Sol.

mércores, 3 xan 2007
1167836856cabalgataplano07.jpg
A comitiva estará formada por 16 carrozas, dúas máis que o ano pasado, achegadas polo Concello e as principais empresas e entidades de Vigo. A Cabalgata, que rematará aproximadamente ás 19.30 horas, contará ademais con 12 grupos de animación para darlle máis cor a un espectáculo que congregou máis de 100.000 persoas en 2006. Estes grupos de animación inclúen camelos mecánicos, o grupo teatral "La Fiesta Escénica", figuras xigantes de globos, zancudos, bonecas xigantes e cabezóns, ademais doutras sorpresas.

Como principais novidades para este ano, o concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, referiuse hoxe mércores na presentación da Cabalgata ao tema central do evento, que serán os xogos e xoguetes infantís de todos os tempos. O tema da Cabalgata de 2006 foran os contos infantís. Outro elemento novidoso será o das dúas carrozas-plataforma con iluminación, máquinas de neve e son que acompañarán as carrozas reais. Ademais, por primeira vez, a recepción da alcaldesa aos Reis Magos será nun balcón da sede da Alcaldía, arredor da media tarde.

As cifras desta Cabalgata 2007 inclúen os 232.000 euros de gasto total (41.000 máis que en 2006), as catro toneladas de caramelos sen gluten e aptos para nenos e nenas celíacos que se repartirán desde as carrozas reais, os 10.000 globos que se distribuirán en distintos puntos do percorrido, e os 35.000 trípticos informativos e 1.200 carteis editados para a ocasión.

As empresas e entidades que colaboran na Cabalgata de Reis deste ano son Caixanova, Coca-Cola, Construcións Carrera Iglesias, Alcampo I, Carrefour, a Asociación de Comerciantes, Gadisa, a Fundación Celta, El Corte Inglés, a Asociación de Centros Deportivos e Culturais e a Federación de Peñas Recreativas "El Olivo".

Participan tamén na comitiva Vitrasa, os bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella, así como uns 300 voluntarios que velarán pola seguridade e normal desenvolvemento da Cabalgata.

O Concello establecerá un posto destacado de emerxencias no cruzamento de Colón con Urzaiz e outro posto de atención a nenos e nenas perdidos diante da igrexa de Santiago de Vigo. En caso de perdas de nenos ou nenas, os afectados poden dirixirse aos voluntarios de Protección Civil, Cruz Vermella, á Organización e aos axentes da Policía Local.
1167836856cabalgataplano07.jpg
1167836908cabalgata030107.jpg
Descargar todas as imaxes