Escoitar

A Fundación Provigo presenta un estudio sobre potencialidades e oportunidades de Peinador

A Fundación Provigo presentou hoxe, na reunión do Padroado que se celebrou na Alcaldía, o "Estudo sobre potencialidades e oportunidades de negocio do aeroporto de Vigo", un documento no que se marca o camiño para que Peinador alcance os dous millóns de pasaxeiros en 2010.

martes, 21 nov 2006
1164113491fundacion.jpg
Este estudo é froito dun traballo que o Padroado decidiu iniciar hai seis meses e que se desenvolveu en dúas fases. A primeira consistiu en reunións cos actores do sector aeroportuario e a segunda na realización do propio documento por parte da Fundación Provigo, a Cámara de Comercio, AENA, o Aeroporto de Vigo e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes.

A conclusión á que chegaron é que para que Peinador alcance os dous millóns de pasaxeiros en 2010 deben darse estas catro condicións: establecemento de novas rutas nacionais e internacionais, maiores frecuencias, introdución de compañías de baixo custo e forte aposta dalgún touroperador por Vigo como destino turístico ou como punto de saída importante.

En canto ás novas rutas, os autores do estudo consideran que Vigo ten potencial suficiente para enlazar o seu aeroporto, a nivel internacional, con cidades como Bruxelas, Londres, Múnich, Milán e Ámsterdam, e dentro de España, con destinos como Málaga, Xerez, Alacante e, de maneira directa, con Canarias e as Illas Baleares.

Con respecto aos destinos internacionais, o estudo recomenda un mínimo de tres frecuencias por semana. No caso dos nacionais, os voos deberían ser diarios.

Prioridades

Para a Fundación Provigo e as entidades que colaboraron na realización deste estudo, o importante agora é analizar cada un dos potenciais destinos coas distintas compañías, para que as posibles novas rutas resulten rendibles e sexan operadas de xeito constante polas compañías aéreas.

Os tipos de compañías que se barallan para a apertura das novas rutas son tres:

1.- Compañías aéreas rexionais, que están acostumadas a enlazar cidades periféricas con aeroportos principais, con avións tipo jet de 50 a 100 prazas en configuración de clase única. As principais a ter en conta son: Air Nostrum, Regional de Air France, City Jet (propiedade al 100% de Air France), Lufthansa Cityline, Air Dolomiti .

2.- Algunhas rutas poden ser abertas por compañías regulares (Iberia, Spanair, Air Europa, Air France, … ), utilizando a súa flota habitual.

3.- Por último, tamén poden ser abertas con compañías de baixo custo, que utilizarían na maioría dos casos avións de maior capacidade de 150 a 190 prazas. Os beneficios que este tipo de compañías pode achegar a Vigo e a Peinador concretaríanse en cifras de entre 80.000 e 90.000 pasaxeiros anuais para cada nova ruta, dependendo do nivel de ocupación.

Compañías como Ryanair, Air Berlin e Hapag Lloyds Express xa operan desde Santiago e O Porto. Polo tanto, o estudo propón que os esforzos de Vigo se centren nas outras compañías, sobre todo Easy Jet ,Virgin Express, Clickair , German Wings, Vueling, Blue1, Flybe, Gbairways e Thomsonfly.com.

Puntos de encontro

A Fundación Provigo tamén considera importante para Peinador neste momento visitar un dos principais puntos de encontro do sector aeroportuario europeo, un evento denominado New Rouths Europe, que se celebrará aproximadamente en maio de 2007 en Hungría e onde se reúnen as compañías aéreas, aeroportos de toda Europa, entes que promocionan aeropuertos, touroperadores, entre outras entidades.

Outra actuación prioritaria é a organización dalgún workshop en feiras de turismo importantes, como por exemplo FITUR, a ITB en Berlín ou WTM en Londres, co obxectivo de conseguir para Peinador presenza permanente en todas as citas importantes vinculadas ao mundo aeroportuario.
Descargar todas as imaxes