Escoitar

Corina Porro visita o cemiterio de Pereiró tras a mellora das súas instalacións

Douscentos vinte e catro columbarios e o traslado dos servizos de señoras, cabaleiros e minusválidos do exterior ao interior son o resultado do investimento de 71.500 euros realizado polo Concello no cemiterio municipal de Pereiró, que foi visitado hoxe venres pola alcaldesa, Corina Porro.

venres, 27 out 2006
1161955884pereiro261006d.jpg
"Este cemiterio levaba máis de dez anos sen ningún arranxo", recordou Porro no interior dun camposanto que se converteu en noticia pola profanación de que foi obxecto na noite do 2 ao 3 deste mes.

A construción e adxudicación dos 224 columbarios supuxo un importe de 50.500 euros, mentres que o traslado dos servizos se realizou por 21.000.

Destrozos

Sobre os destrozos causados no cemiterio de Pereiró, Corina Porro lembrou que están "en mans da Policía Nacional" e anunciou que "o Concello se vai persoar" no proceso xudicial contra os seus autores. Neste sentido, a alcaldesa sinalou que o Concello está estudando "caso por caso" baseándose nos impresos que as familias afectadas tiveron á súa disposición para daren conta dos danos sufridos. Segundo o informe elaborado polo Servizo de Cemiterios, os danos económicos alcanzan os 36.000 euros.

Porro engadiu que "nunca temos tido problemas como este" na historia dos cemiterios municipais. Como consecuencia desta circunstancia, a alcaldesa encargou aos servizos do Concello un estudo sobre as posibilidades de mellorar a seguridade das necrópoles viguesas.

Outras medidas anunciadas hoxe venres por Corina Porro en relación aos cemiterios municipais son a posta en marcha dun sistema informático de control para facilitar as xestións e mellorar o servizo aos cidadáns e a elaboración dun regulamento de funcionamento en consonancia cos cambios que se teñen dado a nivel estatal e autonómico na lexislación referente aos camposantos.

Os oito cemiterios municipais de Vigo (Cabral, Candeán, Bembrive, Lavadores, Pereiró, Zamáns, Teis e Beade) soman unha superficie total de 103.000 m2. Á parte dalgúns panteóns, criptas e as sepulturas de terra, albergan un total de 28.083 nichos, dos que 2.346 son propiedade do Concello e se alugan por un periodo de seis anos, prorrogable por catro máis ata un máximo de dez. Os 15.743 restantes son propiedade ou concesións administrativas por 50 anos.
Descargar todas as imaxes