Escoitar

O Concello mellorou o subministro eléctrico en 95 camiños do rural

venres, 1 feb 2002
A Concellería de Electromecánicos, durante o ano 2001, cambiou 32.000 metros de cable en tendido de iluminación pública para corrixir as deficiencias de submninistro eléctrico do rural causadas polas caídas de tensión. O problema subsanouse coa instalación de cable cunha sección adecuada e calculada para un consumo dun 30% superior ó actual de cara ás posibles necesidades do futuro.

O concelleiro Henrique Vieitez explicou que 796 camiños e lugares, a inmensa maioría no rural, tiñan problemas de iluminación causados polos sucesivos incrementos de puntos de luz que provocaron que as instalacións quedasen deficientes, xa que non tiñan unha tensión inferior á mínima necesaria para que as lámpadas puidesen funcionar de xeito continuo e sen apagarse. Na actualidade, hai 35.396 puntos de luz en todo o Concello, dos cales 21.760 están nas parroquias viguesas.

O obxectivo que persegue a Concellería de Electromecánicos con esta actuación é rematar coa problemática das caídas de tensión na iluminación pública, ao mesmo tempo que se mellorou a iluminación naqueles camiños máis transitados, multiplicando por 2´5 veces os niveis de iluminación e producindo un aforro enerxético do 12´5%, referido ao consumo actual.

Trala experiencia piloto realizada en toda a parroquia de Zamáns, a actuación estendeuse a lugares de Candeán, Valadares, Comesaña, Cabral, Teis, Beade e zonas menores de Lavadores e Oia, dándolle prioridade aos lugares que se encontraban en peores condicións.