Escoitar

Tres representacións abren a programación ”Vigo a Escena” do mes de febreiro

venres, 1 feb 2002
imx1051.jpg
Fulano, Mengano e Citano
A iniciativa da Concellería de Festas e Animación Sociocultural VIGO A ESCENA levará o sábado, o teatro ás parroquias de San Paio de Navia, San Xoán Poulo e Matamá, da man dos grupos Avento, Dobre Xiro e Fulano, Mengano e Citano, que abren dese xeito a programación do mes de febreiro.

As 19:30, na AVV San Xoán Poulo, o grupo “Dobre Xiro” escenificará “Situacións”, unha producción formada por tres obras curtas creadas e interpretadas polos coreógrafos/as e directores dos grupos Rayo Malayo (Madrid) e Dobre Xiro Danza (Vigo).

Unha das pezas que integra esta obra é “Trans-Lata-Madre”, unha proposta cunha referencia oriental na que non haberá unha mensaxe concreta, pero si o desexo de regresar á época infantil para buscar o contido da linguaxe coreográfica.

“Pel con pel”, a historia dunha relación na que non importa a cor, o sexo,... e “Dens, Oli e Pedra”, un traballo sobre como introducirse no espacio, percorrelo ou saír del a través dunha densidade, completan o espectáculo teatral “Situacións”.

Ás 20:30, na SCD Atlántida de Matamá, presentarase a obra “Cheiro de Estrelas II” por parte de Fulano, Mengano e Citano, que crearán para nós unha imaxinaria Televisión de Jalisia (T.V.J.), na que se emite o programa “Cheiro de Estrelas”, no que o público chega en carro de bois, camiño de ferro, furgón DKV e similares medios de locomoción. As autoridades, como non, chegan en coches oficiais de cor negro e cristais afumados.

Ó traveso de “Cheiro de Estrelas II”, descóbrese que cada galego é unha estrela na súa casa. Isto fánnolo ver personaxes como Chicho de Chantada, Melindre de Melide e outros invitados que van dando vida a este espectáculo.

Finalmente, ás 21 horas, na AVV Emilio Crespo de San Paio de Navia, o grupo de teatro Avento escenificará “Papá e mamá están ben” que nos relata a historia de varios irmáns que teñen que decidir cal deles se vai facer cargo dos seus pais. A obra ten un final sorprendente, xa que ningún dos irmáns está disposto a asumir a responsabilidade.

Descargar todas as imaxes