Escoitar
O xurado concederá un primeiro premio de 2.404 euros e un premio especial á comparsa máis festeira

Máis de mil persoas participarán este ano no concurso de comparsas do entroido

venres, 1 feb 2002
imx1052.jpg
Comparsa de entroido
Un total de 21 comparsas, con máis de mil persoas, acudirán este ano ó concurso do Entroido 2002, o tradicional certame que convoca a Concellería de Festas Animación Sociocultural, e que este ano conta con importantes premios.

A maioría das comparsas, 17, proceden de Vigo, pero tamén haberá un grupo de Porriño, outro de Gondomar, un de Redondela e outro de Cuntis. Todas elas desfilarán o vindeiro sábado, día 9 de febreiro, na orde que que sorteará o martes, día 5, ás 20.00 horas na sala museo do Concello.

A marcha de comparsas sairá ás 19.30 horas do día 9 da rúa Julián Estévez e percorrerá García Barbón, Nó de Isaac Peral, García Barbón, Policarpo Sanz e Porta do Sol, onde rematará o desfile.

O xurado decidirá qué comparsa merece o primeiro premio, dotado con 2.404 euros. O segundo premio será de 1.803 euros, o terceiro de 1.202 e o cuarto de 901 euros. Concederase tamén un premio especial de 451 euros á comparsa máis festeira, 20 accésit de 421 euros e un premio do desfile do “Enterro do Meco”, que será de 751 euros. Este último premio outorgaráselle á comparsa mellor caracterizada no desfile do día 13 de febreiro.

Os máis pequenos tamén terán a súa ocasión de participar no Entroido 2002, co III Concurso de Comparsas Escolares. Este ano inscribíronse once comparsas, integradas por un total de 300 nenos. O venres, día 8 de febreiro, terá lugar o desfile, que sairá ás 12.00 horas da praza do Rei, e discorrerá pola rúa Venezuela. Cada colexio participante contará cun premio de 150 euros.

Ademais, todos os vigueses poden contemplar os carteis de Entroido que se presentaron ó concurso que o concello convoca tódolos anos para elixir o cartel que promoverá o Entroido 2002 na nosa cidade. A exposición terá lugar entre os días 5 e 24 de febreiro na Sala Peiraos (Praza da Constitución 14,1º).
Descargar todas as imaxes