Escoitar

O II Campionato Galego de Escalada de Base achegará este deporte aos máis novos

O Club Montañeiros Celtas e a Federación Galega de Montañismo organizan, coa colaboración da Concellaría de Deportes, o II Campionato Galego de Escalada de Base, que se desputará este sábado no rocódromo municipal do Pavillón das Travesas. Espérase que participen arredor de 80 nenos e mozos de tres a 17 anos.

mércores, 31 mai 2006
1149080142escalada06.JPG
O campionato, que se desenvolverá das 16:00 ás 19:00, divídese en dúas franxas de idade: de tres a 11 e de 12 a 17 anos. Os nenos e nenas que non teñan cumpridos os 12 anos poderán inscribirse sen necesidade de pertencer a algún club nin de estar federados, xa que a súa será unha proba non competitiva para fomentar a escalada. Así, os nenos poderán achegarse a esta modalidade deportiva a través dun obradoiro de escalada, unha xincana con probas de equilibrio, coordinación e flexibilidade, e xogos no muro de escalada para practicaren os amarres.

Os rapaces de 12 a 17 anos, en cambio, competirán entre eles nunha proba que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Montañismo. Segundo afirmou hoxe mércores o vogal de escalada da Federación, Miguel Feijoó, durante a presentación do evento, o que se pretende é que os máis pequenos se acheguen á práctica deste deporte, mentres que no caso dos maiores o obxectivo é que se coñezan entre eles e se preparen para competir en campionatos absolutos.

Pola súa parte, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, salientou a "aceptación importante" da escalada en Vigo. Lucía Molares expresou o apoio do Concello a este deporte, que contribúe, dixo, a que "os mozos estean máis cerca da natureza".

Os organizadores deste campionato aseguran que a escalada é unha práctica segura e subliñan as súas vantaxes para o crecemento persoal do deportista, ao mellorar a súa fortaleza psicolóxica, as súas habilidades sociais e a súa actitude cara á natureza.
1149080142escalada06.JPG
1149080173montlucia310506.jpg
Descargar todas as imaxes