Escoitar

Coia celebra a súa sétima Festa do Mozo o próximo sábado

A concelleira de Xuventude, Lucía Molares, e o presidente da Asociación de Veciños "Camiño Vello" de Coia, Ventura Pérez, presentaron hoxe mércores a sétima edición da Festa do Mozo, que terá lugar en Coia o próximo sábado 27 de maio.

mércores, 24 mai 2006
1148476839lucia240506.jpg
Será, segundo adiantou Lucía Molares, "un día de festa" do que poderán gozar todos os mozos e mozas, pero que tamén estará "aberto a todo o mundo". As máis de 20 asociacións participantes porán en marcha os seus talleres a partir das 12:00, nunha carpa habilitada con ese fin na avenida de Castelao.

Entre as actividades que poderán practicar os rapaces nestes talleres figuran as de deporte, reciclaxe, manualidades, xadrez e ximnasia rítmica, entre outras. Con cada participación nun dos talleres, os mozos e mozas irán sumando puntos nunha tarxeta que se lles entregará ao entrar no recinto. Sumados seis puntos, entrarán no sorteo de dúas bicicletas.

Ademais, a Festa do Mozo contará con inchables, unha tirolina, e un tren turístico que fará un circuíto urbano partindo da propia avenida de Castelao.

Como principal novidade desta edición, Lucía Molares salientou a contribución do Concello á Festa, consistente no pagamento do material necesario para os talleres.

Pola súa parte, Ventura Pérez, agradeceu a colaboración do Concello e congratulouse polo feito de que a Festa do Mozo "xa funciona soa". Así, segundo o presidente de "Camiño Vello", "xa non hai que chamar ás asociacións" para organizar o evento, senón que son elas mesmas as que se ofrecen para participar.
Descargar todas as imaxes