Escoitar

O Concello financia as actividades da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos

A concelleira Lucía Molares rubricou hoxe luns o apoio da Concellaría da Muller á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, mediante a sinatura dun convenio polo que o Concello se compromete, por terceiro ano consecutivo, a financiar as actividades deste colectivo, desta vez cunha achega de 10.000 euros.

luns, 17 abr 2006
1145277316mulleresveci.jpg
Esta cantidade supón un incremento do 12% con respecto á concedida en 2005, e cobre de maneira directa o 75% do orzamento da Rede (13.300 euros) para 2006. O 25% restante será financiado coa colaboración doutras administracións, así como a través das propias subvencións da Concellaría da Muller.

De acordo co convenio de colaboración asinado hoxe luns, o Concello comprométese a financiar con 10.000 euros os consumos de teléfono, luz e distribución postal, así como o abono de salarios, publicidade e os gastos de formación e desprazamento das mediadoras da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos. A axuda destinarase ás actividades que a Asociación levará a cabo durante 2006, e será aboada do seguinte xeito: 3.500 euros entregaranse coa sinatura do convenio; 3.000, no mes de xuño; e os restantes 3.500 en decembro.

As accións da Rede procuran acabar coa violencia de xénero dun xeito integral e global, tal e como contempla o II Plan de Acción Municipal para combater a Violencia contra as Mulleres 2004-2007. Para iso, a Rede leva a cabo labores de atención, orinetación e acompañamento das mulleres maltratadas, segue os casos atendidos e denuncia a violencia na prensa e en actos públicos.

A Rede conta con 74 mediadoras que en 2005 atenderon arredor de 200 mulleres, realizando cerca de 1.000 servizos. Lucía Molares agradeceu en nome do Concello a dedicación destas persoas, que "apoian as mulleres en momentos dicíciles" e están dispostas a axudar "a calquera hora". Para a presidenta da Rede de Mulleres Veciñais, Josefa Martínez, o traballo das mediadoras "non ten prezo".

Precisamente os días 24 e 26 de abril e 2 de maio o Centro Cívico do Casco Vello (r/ Oliva, 12) acollerá o primeiro ciclo, de carácter aberto, dos cursos de formación de mediadoras que organiza a Rede coa colaboración da Concellaría da Muller. Un segundo ciclo, específico para futuros colaboradores, levarase a cabo no mesmo lugar os días 3, 4 e 9 de maio.

Se algunha muller necesita axuda porque está a ser maltratada, coñece algún caso de maltrato ou quere colaborar coa Rede dalgún outro xeito, pode dirixirse á súa sede, no Centro Cívico do Casco Vello, chamar ao 986 22 23 28 ou ao 606 92 91 37, ou escribir ao correo electrónico redemediadorasvigo@hotmail.com.
Descargar todas as imaxes