Escoitar

O Concello negociará co Porto sobre novos recheos

venres, 28 dec 2001
Os grupos do Goberno municipal aprobaron unha moción, no transcurso da sesión plenaria, sobre a previsión de novos recheos no Porto de Vigo. O texto aprobado suxire iniciar un proceso de negociación coa Autoridade Portuaria para a creación dunha comisión paritaria na que participarían todos os grupos políticos municipais, e unha comisión técnica que traballen de acordo coas liñas maestras do Plan Estratéxico e do Plan Xeral.

O Goberno entende que nestes momentos a sociedade viguesa se enfronta a un novo recheo, de máis de douscentos mil metros cadrados, no Areal e a utilización da Estación Marítima como nova sede de servicios da Autoridade Portuaria e aparcadoiro de vehículos para transporte marítimo. Os grupos políticos do Goberno municipal apoian que os espacios centrais do Porto deban servir para usos lúdicos e culturais.


Cesión de usos da ETEA

A Corporación aprobou instar ó Goberno central para que se promova un convenio que permita a cesión de uso das instalacións da antiga E.T.E.A. ó Concello de Vigo, unha vez se produza o peche da mesma.

O próximo 1 de setembro do ano 2002, a Armada Española procederá ó peche da ETEA en Ríos (Teis). A instalación que ocupa a devandita Escola dispón de piscina cuberta, polideportivo, campos de xogos, peiraos e edificios.