Escoitar
O Teatro Fraga-CaixaGalicia acollerá o sábdo a actuación da Wienner Akademie dirixida por Martin Haselböck ás 20.00 horas

A obra de Haendel "Il Trionfo del tempo e del disinganno" abre o festival Are More<br />

O sábado, 22 de outubro, terá lugar a inauguración oficial do Festival Are More, que nesta edición correrá a cargo da Wienner Akademie, que dirixida por Martin Haselböck interpretará a obra de Haendel "Il Trionfo del tempo e del disinganno" no marco do ciclo "As imaxes do amor".<br />

venres, 21 out 2005
1129900648are.jpg
O concerto, que terá lugar ás 20.00 horas no Teatro Fraga-CaixaGalicia, contará coa presenza da alcaldesa de Vigo, Corina Porro, o concelleiro de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves, o director de CaixaGalicia, José Luis Méndez e o presidente desta entidade, Mauricio Varela, organizador do Festival Are More xunto co departamento de Cultura do Concello de Vigo.
Tamén se espera a asistencia de outras personalidades, como o director da planta viguesa de PSA Peugeot-Citroën, Javier Riera, patrocinador do concerto, o rector da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, o presidente do Consorcio da Zona Franca, Francisco López Peña, o presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Albariño, entre outros.

A Wienner Akademie, fundada en 1985 por Martin Haselböck, goza dun gran prestixio e é aprezada en todo o mundo, tanto polo virtuosismo, a vivacidade e o inconfundible selo austríaco do seu estilo interpretativo como polo seu repertorio, que abrangue dende a música barroca ata os albores do Romanticismo, executado con instrumentos da época.
Dende a súa creación, propúxose como obxectivo ofrecer ao público obras pouco coñecidas, como a "Cacilienode" de Haendel adaptada por Mozart e a "Masonic Funeral Music" de Mozart, así como obras mestras do repertorio que lle é característico e que inclúe os oratorios máis importantes do Barroco e da música sinfónica do período clásico vienés e principios do Romanticismo.

A Wienner Akademie ofrece unha serie establecida de concertos no Musikverein de Viena e participa con regularidade nas series de concertos e festivais musicais internacionais mais prestixiosos, tales como Frankfurter Fest, Schleswig-Holstein Festival, Internationale Bachademie Stuttgart ou Haendel Festival Halle.

Ademais, ten tocado nos principais escenarios musicais do mundo, entre os que destacan Suntory Hall Tokyo, Nova Iorque, Palau de la Música, Philharmonie Köln, Alter Oper Frankfurt e Concertgebouw de Amsterdam, entre outros.

A ópera tamén constitúe unha importante faceta do traballo desta orquestra, da que compre destacar diversas óperas de Mozartz, como "Don Giovanni", "Le Nozze de Figaro", así como as de Haendel.
Pola súa banda, Martin Haselböck é considerado coma un grande director de orquestra e organista. Despois de estudar en Viena e en París, recibiu numerosos premios en diferentes concursos internacionais e acadou a reputación de organista de gran virtuosismo.

Coa súa fama de director carismático, pronto achegáronlle numerosas ofertas para dirixir as principais óperas e orquestras de Europa, Xapón e os Estados Unidos.

Cando tiña o cargo de Organista da Corte de Viena traballou co gran repertorio de música eclesiástica clásica, e durante ese período comezou a súa intensa actividade como director, que culminou coa creación da Wienner Akademie en 1986.

Con esta orquestra foi invitado a dirixir un ciclo anual de concertos na gran sala do Wienner Musikverein e en diferentes nomeados festivais. Ademais, baixo a súa dirección téñense gravado mais de sesenta cedés, con obras dende Bach ata o século XX.

O seguinte concerto do Festival Are More, que terá lugar o vindeiro 29 de outubro, corresponde a actuación "Fernando Argenta en concerto... en familia", que se enmarca nun dos ciclos novidosos desta edición adicado á formación de públicos no Are More.
Descargar todas as imaxes