Escoitar

Participación Cidadá celebra o Día Mundial de Internet co fin de contribuír a superar a brecha dixital

A área de Participación Cidadá do Concello de Vigo aproveitará a celebración do Día Mundial de Internet, o próximo martes 25 de outubro, para contribuír a superar a chamada brecha dixital, isto é, as diferenzas no acceso a este recurso electrónico entre grupos de poboación.

venres, 21 out 2005
1129902329marta2110.jpg
Con este obxectivo, o propio día 25 Participación Cidadá sumarase á celebración organizando a xornada "A brecha dixital e Internet", que terá lugar na sala de conferencias do Centro Social de Caixanova das 9:30, hora en que será inaugurada pola alcaldesa, ata as 13:15, momento da súa clausura pola concelleira Marta Iglesias. A xornada comporase dunha serie de conferencias a cargo de recoñecidos especialistas como Lois Rodríguez Andrade, José Cubelos, Nuria Moradell e Xan Bouzada.

Ademais, a área de Participación Cidadá desenvolverá do 21 ao 25 de outubro, en colaboración coa Asociación de Voluntarios de Internet e varias asociacións veciñais, o proxecto "Vive Vigo" de promoción e divulgación de Internet.

Animadores especializados no uso da rede global darán a coñecer, dentro deste programa, as potencialidades de Internet como medio de acceso á información, apoio ao estudo e busca de emprego. Ademais, os participantes poderán subir fotografías antigas e postais previamente escaneados á páxina web www.vivevigo.org. Unha vez finalizadas as xornadas sortearanse entre os participantes memorias USB e MP3.

No programa "Vive Vigo" tomarán parte os Centros Cívicos do Casco Vello, Coruxo e Teis, as asociacións veciñais "Dr. José Casas" de Bouzas, "Val do Fragoso" e de San Miguel de Oia, así como a A.V.C. e D. Sampaio. O horario do programa é de 10:00 a 13:00, os días 21 e 22 de outubro, e de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 21:00, o 24 e o 25.

A Concellaría de Participación Cidadá vén desenvolvendo pola súa conta ou en colaboración con outras administracións públicas e asociacións viguesas un ambicioso programa de posta en marcha de Centros Municipais de Internet.

Na actualidade están en funcionamento os dos Centros Cívicos do Casco Vello, Coruxo e Teis, con recursos e persoal propios; os que se inaugurarán mañá sábado 22 nos locais cedidos ás asociacións veciñais de Bouzas e Val do Fragoso, con recursos e xestión indirecta; e o da Asociación Veciñal de Candeán, con xestión indirecta dentro do programa PRODER II. Tamén no marco deste programa, pero con persoal propio, en próximas datas inaugurarase un centro en Saiáns. Así mesmo, hai centros xa en funcionamento en periodo de probas nas asociacións veciñais de San Miguel de Oia e Sampaio, e a finais deste mes nas de San Andrés de Comesaña e "A Unión" de Matamá.

Estas accións compleméntanse con cursos de formación en Internet e novas tecnoloxías e co incremento dos servizos de e-administración que ofrece o Concello de Vigo a través da súa páxina web www.vigo.org.
Descargar todas as imaxes