Escoitar

Continúa ata principios de setembro a campaña de fresado e pintado de varias rúas do centro

A primeira fase da campaña de fresado e pintado de cebreados, símbolos, frechas e pasos de peóns que están a levar a cabo equipos municipais continúa esta semana e finalizará a principios de setembro cos traballos en varias rúas do centro de Vigo.

venres, 26 ago 2005
Dentro desta primeira fase téñense executado estas obras en rúas como Rosalía de Castro e García Barbón. Ademais, están fianlizados xa o fresado e pintado dos entronques de Rosalía de Castro con Serafín Avendaño, Canceleiro, Heraclio Botana, Oporto, Roupeiro, República Arxentina e Pontevedra, e os de García Barbón coas anteriores e con Alfonso XIII, Callao e Miragaia.

Esta semana estanse levando a cabo as obras nas rúas Zaragoza e Barcelona e os entronques con Regueiro, Salamanca, Tarragona, Sevilla, Hispanidade, Valencia, Baleares, Illas Canarias, Valle Inclán, San Amaro e Zamora.

Durante a primeira semana de setembro acometeranse as obras de fresado e pintado de Pi y Margall, Pintor Lugrís, López Mora e os seus entronques con José Frau e Pintor Lugrís, e Álvaro Cunqueiro e os seus entronques con Camelias e Pintor Colmeiro.

En total, nesta primeira fase inclúense máis de 90 pasos de peóns e máis de 200 símbolos de tráfico. Ao finalizar estes traballos levarase a cabo unha segunda fase, aínda por definir, para completar as obras na zona centro da cidade.

Os equipos de pintura que están a realizar a primeira fase dos traballos son tres, dos que dous traballan con fresado e pintado polo día e un pola noite só con pintado, evitando deste xeito o ruidoso traballo de fresado. Ademais, existe outro equipo de sinalización horizontal e outro de sinalización vertical.

Á parte dos traballos realizados e dos pendentes de execución, xa se realizaron, nos meses de xuño e xullo, as obras de pintado de bordes, eixos e restantes liñas lonxitudinais, así como o carril bus de todas as arterias e rúas principais do casco urbano.