Escoitar

Concello e Universidade colaboran para musealizaren a vila romana de Toralla

O concelleiro delegado de Patrimonio Histórico, Ignacio López-Chaves, e o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron un convenio para a musealización da vila romana de Toralla, polo cal o Concello achegará 150.837,8 euros.

xoves, 21 abr 2005
1114088602toralla2104.jpeg
O concelleiro delegado de Patrimonio Histórico, Ignacio López Chaves, e o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron hoxe xoves un convenio de colaboración para a execución do proxecto I+D de musealización da vila romana de Toralla.

Este convenio supón unha ampliación do acordo inicial asinado polas mesmas partes en maio de 2002. Agora, a colaboración entre o Concello e a Universidade de Vigo prolongarase durante 24 meses máis. O obxectivo deste novo convenio é, segundo afirmou Ignacio López-Chaves, "garantir a conservación do xacemento excavado e permitir a súa conversión en recurso cultural, educativo e artístico".

Así, a Universidade comprométese a executar as actuacións pendentes, ademais de novas actuacións detalladas na ampliación do convenio. Actuacións pendentes son a intervención arqueolóxica coetánea ás obras de musealización das ruínas, os traballos específicos de conservación e restauración do xacemento, así como o proxecto museográfico e museolóxico.

O grupo de novas actuacións previstas no acordo asinado hoxe inclúe a intervención arqueolóxica no solar do Museo, a investigación de materiais arqueolóxicos do xacemento, a elaboración e producción de materiais audiovisuais e a presentación e divulgación dos resultados da investigación a nivel internacional, punto este que se prevé desenvolver nun congreso científico en 2006.

O Concello, pola súa banda, financiará todas estas actuacións coa cantidade de 150.837,8 euros, dos cales 86.103,37 euros se farán efectivos en dous pagamentos en 2005, sendo achegados os restantes 64.734,43 euros en 2006. As achegas económicas faranse tras a correspondente certificación de conformidade dos traballos realizados, emitida polo xefe de servizo de Patrimonio Histórico do Concello.
Descargar todas as imaxes