Escoitar

A exposición itinerante Titanic the exhibition fará escala en Vigo

A exposición itinerante Titanic the exhibition recalará en Vigo entre outubro e decembro deste ano. A mostra, que xa obtivo un grande éxito en Barcelona e no Porto, reúne elementos orixinais e reproduccións que pretenden facer que os visitantes "se sintan como pasaxeiros" do máis famoso dos Transatlánticos.

mércores, 26 xan 2005
1106750468titanic.jpg
A exposición itinerante Titanic the exhibition sobre o mítico transatlántico recalará finalmente en Vigo entre outubro e decembro deste ano. Así o confirmou hoxe a alcaldesa, Corina Porro, despois de reunirse con Jesús Ferreiro, comisario da exposición. O recinto da cidade que albergará a exposición, que require 1.500 metros cadrados de espazo, darase a coñecer nos vindeiros días.

Titanic the exhibition alcanzou un grande éxito en Barcelona con motivo do Forum 2004. Desde alí trasladouse ao Porto, onde permanecerá ata o 20 de marzo. Os organizadores da exposición esperan chegar aos 28 millóns de visitantes no presente ano. Ao se confirmar o seu paso por Vigo, esta exposición convértese nun complemento das actividades previstas para o próximo outono no marco da saída desde a ría viguesa da Volta ao Mundo de Vela (Volvo Ocean Race).

A mostra reúne elementos orixinais do Titanic, como unha tumbona de cuberta, unha cadeira dun dos comedores, xoias, cartas, recordos dos pasaxeiros, un anaco de carbón, a lista de falecidos e escritos e publicidade da navieira. Ademais, reproduce con exactitude camarotes, vaixelas, un corredor de primeira clase ou o choque co iceberg, concluíndo cunha homenaxe aos mortos. Todos estes elementos están pensados, segundo Jesús Ferreiro, "para que as persoas que visitan a exposición se sintan como pasaxeiros do mítico Titanic".

Así mesmo, desde a organización apúntase a posibilidade de que esta exposición conte coa presencia do director da película "Titanic", James Cameron, e o actor protagonista do filme, Leonardo di Caprio. Neste sentido, Jesús Ferreiro asegurou que "se poden, virán".
Descargar todas as imaxes