Escoitar

A Fundación Igualarte presentará o disco "Compases sueltos" o próximo xoves no Auditorio Municipal

A Fundación Igualarte presentará o próximo xoves día 23 de decembro no Auditorio Municipal o disco "Compases sueltos", no que participaron 50 nenos e adultos con discapacidade. Con esta iniciativa a Fundación Igualarte, en colaboración co Concello, pretende achegar a todos a capacidade de expresárense por medio da arte.

martes, 21 dec 2004
1103636693cha.jpg
O vindeiro xoves 23 de decembro terá lugar no Auditorio Municipal a presentación do disco "Compases sueltos", no que participaron 50 nenos e adultos con discapacidade. Este disco é froito dunha iniciativa da Fundación Igualarte, que traballa con persoas discapacitadas para que poidan expresarse a través da arte e conta coa colaboración do Concello de Vigo.

"Compases sueltos" está composto de 14 temas nos que están representados varios estilos musicais. A cantante Mercedes Peón colaborou na gravación do disco, que tivo lugar nos estudos de Elite Musical de maneira totalmente gratuíta. Na presentación do vindeiro día 23, Mercedes Peón acompañará coa súa voz os bailes dos nenos discapacitados.

Segundo explicou a presidenta da Fundación Igualarte, Cristina Lago, o obxectivo deste disco é "poder transmitir a creatividade que temos, para que vexamos a arte como un dereito". "Compases sueltos" pódese adquirir entrando na páxina web da Fundación Igualarte: www.igualarte.com.
Descargar todas as imaxes