Escoitar

Aprobada a creación dunha nova rúa peonal entre López de Neira e Doutor Cadaval

xoves, 29 nov 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o Estudio de Detalle da mazá delimitada polas rúas Doutor Cadaval, López de Neira e Lugo. O máis salientable deste estudio é a apertura dunha nova rúa peonal, que terá unha cuberta acristalada e un destino eminentemente comercial.

O documento urbanístico prevé a conservación das fachadas do edificio que fai esquina entre as rúas López de Neira e Lugo, un inmoble proxectado por Manuel Gómez Román. Ao seu carón construirase outro edificio de baixo, entrechán e cinco alturas. Os inmobles estarán separados por un corpo envolto en vidro con perfilería metálica que albergará as comunicacións verticais.

Esta actuación urbanística no contorno de Doutor Cadaval contribuirá a rexenerar esta zona moi próxima á rúa do Príncipe. A este proxecto engádese a próxima ampliación de Doutor Cadaval, que será posible tralo derrubo dos dous edificios que estreitan a súa conexión coa Porta do Sol e do adecentamento da parcela anexa á antiga sede de El Pueblo Gallego. Estas obras de ampliación de Doutor Cadaval comezarán en canto rematen as festas de Nadal.