Escoitar

Por un día... ¡Báixate do carro!

A contaminación, o ruido ou os atascos darán unha tregua aos vigueses o vindeiro mércores 22 de setembro con motivo da celebración do "Día Europeo sen o meu coche". Unha iniciativa presentada en rolda de prensa polo concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, e que tratará de concienciar aos cidadáns dos múltiples beneficios do uso racional dos vehículos privados.

xoves, 16 set 2004
1095331141coello.jpg
Co obxectivo de concienciar á poboación da necesidade de facer un uso racional dos vehículos particulares, Europa celebra o vindeiro 22 de setembro o "Día Europeo sen o meu coche". Unha iniciativa que xunto á "Semana Europea da Mobilidade" xurde co propósito de recuperar e redescubrir a cidade e o seu patrimonio cultural, ademáis de esconder, por un día, os problemas derivados da contaminación, o ruido ou a mobilidade urbana.

Vigo unirase de novo á campaña, e baixo o lema, "Por un día, báixate do carro", ten programadas tres actuacións na cidade. Así, o domingo 19 de setembro, celebrarase unha marcha ciclista con saída na praza do Rei e meta na praza da Estrela, onde se sortearán tres bicicletas, tres patíns e un tánden, entre os participantes. O acto contará coa presencia da alcaldesa, Corina Porro, e do ciclista galego Óscar Pereiro.

Asimesmo, o mércores 22 a utilización dos autobuses de Vitrasa circulares centro e C2 será gratis, e a partir das 15.00 horas cerrarase o entorno da praza de Compostela, onde ás 17.00 horas comezarán as actividades lúdicas para nenos, organizadas polo Paiaso Popín e a Federación de Peñas Recreativas "El Olivo".

Dúas accións que se verán complementadas coa distribución de 10.000 programas e 250 carteis, ademáis da colocación de 10.000 octavillas nos parabrisas dos coches. Tales medidas reforzaranse cunha campaña publicitaria na prensa local, que contempla a publicación dun anuncio sobre a marcha ciclista o día 18, dous anuncios sobre o circular gratis os días 21 e 22 e un xenérico de "O Día sen o meu coche" o 22 de setembro.

Segundo o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, os obxectivos desta iniciativa son os de aumentar a concienciación medioambiental, animar ao uso racional do vehículo privado ao tempo de dar a coñecer e impulsar as melloras no servicio público, entre outras. Unha clara e apetitosa oportunidade de redescubrir a cidade. E como complemento a estas medidas, o Concello firmará un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, polo que se analizará a complexidade do tráfico na cidade. Outra das propostas será a de estudiar a posibilidade de incrementar os carrís bici ou a creación de rúas de tráfico lento gañando espacio nas beirarrúas da praza Compostela.

Con todo, dende hoxe e ata o vindeiro 22 de setembro, os europeos terán a oportunidade de unirse a unha semana chea de eventos dedicados á mobilidade sostenible, e na que o ano pasado participaron máis de 700 cidades e localidades de tódala xeografía. O "Día sen coche", o mércores, será o punto culminante de tódala semana, co reto de organizar "¡A cidade sen o meu coche!" nun día laborable. Todo un acontecemento no que se viron implicadas no 2003 un total de 1.035 cidades europeas.
Descargar todas as imaxes

Máis información