Escoitar

O Concello habilitará lanzadeiras desde Castrelos ata Bouzas tras a final do Mundial

O Concello de Vigo habilitará este domingo un servizo especial de lanzadeiras desde o auditorio de Castrelos ata Bouzas para facilitar os desprazamentos das persoas que, tras seguir a final do Mundial de fútbol na pantalla xigante, desexen asistir ás festas e ao espectáculo pirotécnico do barrio mariñeiro. Molotov toma esta noite Castrelos con reservas aínda dispoñibles para a platea.

xoves, 16 xul 2026

O alcalde, Abel Caballero, explicou este venres que o dispositivo especial permitirá enlazar dous dos grandes acontecementos da xornada: a final entre España e Arxentina e os fogos de Bouzas. “Ao rematar o partido imos habilitar lanzadeiras desde o parque de Castrelos ata Bouzas para toda aquela xente que queira ir presenciar o festival pirotécnico”, sinalou.

A final do Mundial disputarase ás 21:00 horas no MetLife Stadium de Nova York e poderá seguirse en directo na pantalla xigante instalada no auditorio de Castrelos, que volverá reunir a milleiros de persoas despois do éxito das retransmisións anteriores. Caballero lembrou ademais que o encontro contará cun descanso especial de media hora cun espectáculo musical, polo que os asistentes poderán desprazarse posteriormente ata Bouzas utilizando o servizo extraordinario de transporte público.

Xunto ás lanzadeiras cara ás festas, manterase tamén o dispositivo habitual de autobuses especiais para facilitar o regreso das persoas asistentes aos seus lugares de residencia tras os eventos celebrados en Castrelos. Coincidindo coa celebración das festas de Bouzas, o servizo de bus urbano reforzará igualmente a planificación nocturna entre o 17 e o 21 de xullo, cunha frecuencia de 30 minutos ata as cinco da madrugada.

Molotov

O grupo mexicano Molotov actuará esta noite no auditorio de Castrelos dentro da programación de concertos do verán de Vigo, nunha cita prevista para as 22:00 horas. O alcalde, Abel Caballero, animou á cidadanía a asistir a un dos concertos máis destacados da programación musical deste ano: “Ás dez da noite, por tanto, todo o mundo a Castrelos ao concerto de Molotov”.

O rexedor definiu á banda como “un fito na historia do rock” e destacou a súa relevancia internacional dentro da escena musical latinoamericana. A formación mexicana, con máis de tres décadas de traxectoria, é unha das referencias do rock alternativo e do rap metal en español, con himnos xeracionais coñecidos en todo o mundo.

Caballero lembrou ademais que aínda quedan reservas dispoñibles para a platea, que poden adquirirse tanto a través da plataforma telemática habilitada polo Concello como presencialmente nas billeteiras de Castrelos. O concerto forma parte do modelo cultural impulsado polo Concello de Vigo, que permite gozar gratuitamente dos grandes espectáculos internacionais no auditorio ao aire libre de Castrelos, convertendo o recinto nun dos grandes referentes musicais do verán galego.

Descargar todas as imaxes