O Goberno local selecciona catro actuacións para os concertos no Pazo de Castrelos
Indala; Marta Vidal- Augurio; Maryland- Volver a nacer e Cuerdas Atlánticas son os grupos e artistas seleccionados para actuar fronte ao Pazo de Castrelos os domingos de xullo. “O ano pasado foi un éxito e volvemos repetir a experiencia con catro novos concertos para poñer en valor a música e o Pazo”, manifestou o alcalde.
O Concello de Vigo acaba de seleccionar aos catro artistas que actuarán na entrada do Pazo de Castrelos os días 5, 12, 19 e 26 de xullo ás 12:30 horas. Aínda por concretar que grupo subirá ao escenario cada día, as propostas elixidas foron Indala, de música folk e tradicional; Marta Vidal. Augurio, con ritmos pop; Maryland. Volver a nacer coa súa música indie; e Cuerdas Atlánticas que, con instrumentos de corda e a través da música clásica, interpretan cancións contemporáneas.
“O ano pasado achegáronse infinidade de persoas e queremos repetir para seguir poñendo en valor a música e o pazo”, afirmou Abel Caballero.
O éxito da convocatoria e o evento fixo que se achegaran 67 propostas de artistas. O Goberno local dedica máis 30.000 euros a estes eventos que poñen en valor o talento local.