Escoitar

Vigo continúa sendo “a cidade de España con máis bandeiras azuis”

O Goberno municipal obtivo as 12 bandeiras azuis solicitadas para os areais da cidade. Abel Caballero tamén valorou que Vigo rexistrase “un nivel de ocupación hoteleira extraordinario no mes de abril, situándose no 68,88%”.

martes, 5 mai 2026

Vigo pedía 12 bandeiras azuis e concédenselle as 12 bandeiras azuis” explicou o rexedor ao dar conta do listado de distincións confirmado este martes. Os areais que contan con bandeira azul son: Argazada (correspondente co novo paseo de Samil e a recuperación dunar); Fontaiña; A Punta; Rodas (nas Illas Cíes); Canido; Carril; O Adro; Fortiñón; Mende; O Vao; Santa Baia e Tombo do Gato. "Somos a cidade de España con máis bandeiras azuis”, salientou. 

Ademais, o rexedor citou os 14 sendeiros azuis outorgados pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que converten a Vigo na cidade española co maior número de Sendeiros Azuis municipais. O listado integrado polos cinco sendeiros de Camiño a Beiramar, Senda de riberia do Río Lagares, Senda entre Faros, Senda litoral do Monte da Guía e Vía Verde de Vigo, crece cos nove anunciados hoxe: Candeán, Cabral, Bembrive-Beade, Coruxo, Matamá-Comesaña, Oia, Saiáns, Valladares e Zamáns. Así, apuntou, “somos un modelo de bandeiras e sendeiros azuis e seguimos traballando polo medio ambiente con praias e sendeiros marabillosos”.

Ocupación hoteleira

Abel Caballero tamén sinalou que Vigo rexistrou “un nivel de ocupación hoteleira extraordinario no mes de abril, situándose no 68,88%”. A cifra supón un 26,7% máis que no mesmo mes do ano pasado, “converténdose no mellor abril da historia en termos turísticos para a cidade”.

En canto á procedencia, o 12,8% dos visitantes viñeron do resto de Galicia, o 42% do resto de España e o 45% son internacionais, dos que destaca Portugal (con case o 29%); un 12% proceden dos Estados Unidos e un 10% de Alemaña, entre outros. O alcalde apuntou que “Vigo consolidouse como unha cidade intensamente turística”, converténdose “na primeira de Galicia”.

Descargar todas as imaxes