Escoitar

O Goberno local afronta a reparación dos muros danados polos temporais

O Concello iniciará a próxima semana as obras de reparación de cinco muros danados polos sucesivos temporais rexistrados este inverno. “Tratamos de atender de forma moi pertinente a reparación dos muros na cidade”, asegurou este venres Abel Caballero.

venres, 6 mar 2026

O alcalde avanzou que as actuacións de mellora, aprobadas hoxe polo Goberno municipal por vía de emerxencia atendendo a cuestións de seguridade, terán lugar en Camiño Igrexa en Valadares; Vista do Mar en San Xoán do Monte; Cantabria número 300 en Teis; rúa Baixada a Praia en Saiáns e Traída das Augas en Teis.

Abel Caballero explicou que o Concello revisa continuamente a situación das estruturas e dos muros e executa as obras no momento en que detecta as anomalías. Lembrou que xa se finalizaron as obras nos muros do campo de fútbol de As Relfas e o do parque de Navia.

Entre as obras de reparación de muros que se atopan en fase de adxudicación son as dos muros de Valle Inclán; Igrexa-Valadares e Galindra. A estes súmanse outros dous en fase de proxecto en Villalaura e no CEP Mestres Goldar.

Humanización rúa Mondariz

A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación das obras para a humanización da rúa Mondariz, que contará cun investimento de 780.000 euros e un prazo de execución de 5 meses.

A actuación comprende 135 metros lineais do vial e conleva a ampliación do espazo destinado aos peóns, así como a creación dun espazo público de calidade nas proximidades do colexio Seis do Nadal. A isto sumarase a reordenación das prazas de aparcamento, “non a diminuílas, para crear unha contorna máis amable”, destacou o alcalde.

A humanización da rúa contempla a instalación de 22 columnas para instalar o novo sistema de iluminación. Tamén se plantarán 10 novas árbores, instalaranse 5 bancos e renovaranse todas as redes de servizos.

“Rúa Mondariz súmase ás rúas humanizadas de Vigo”, recalcou o rexedor.

Descargar todas as imaxes