Escoitar

O complexo deportivo de Samil afrontará unha renovación inminente

A Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto para mellorar a eficiencia enerxética e a instalación de auga quente en todo o complexo das Travesas e a substitución da cuberta da pista de frontón.

venres, 26 dec 2025

O rexedor explicou esta mañá que o Concello de Vigo realizará unha inversión de 912.417 euros para “importantes obras de mellora no complexo deportivo de Samil”, que se prevé que “estean rematadas antes do verán”. A última das actuacións concernidas é a aprobación do proxecto para os novos peches de todo o complexo, ao que se lle adicará 191.372 euros. Con esta actuación realizarase unha renovación integral dos peches e as mallas nas zonas das pistas de tenis, instalando novas portas de acceso e a construción dun novo muro de formigón armado cara a Avenida de Samil, tras derrubar o actual.

“Imos substituír a cuberta da grada do campo de fútbol cun orzamento de uns 130.000 euros”, instalando a nova cuberta de paneis de chapa de aceiro con una superficie total aproximada de 984 m². Caballero tamén apuntou que “de forma inmediata renovaremos o céspede do campo de fútbol”, unha actuación ascende a uns 590.000 € porque inclúe “o saneamento, a recollida de augas pluviais e unha nova iluminación”. Ademais, “reforzaremos o muro que dá ao río Lagares e faremos un peche en toda a lonxitude do campo para resolver as deficiencias”.

Polideportivo das Travesas

O alcalde anunciou que se aproba o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética e a instalación de auga quente en todo o complexo das Travesas, así como “a substitución da cuberta da pista de frontón”. Esta obra ten un importe total de 548.000 € e “realizarase de xeito rápido nun prazo de 4 meses”. A intervención inclúe a instalación de auga quente para os vestiarios, a substitución da caldeira de gasóleo por bombas de calor e a colocación de paneis fotovoltaicos sobre a cuberta. De xeito análogo, no edificio anexo tamén se instalará unha nova cuberta e os traballos concluirán co pintado de toda a estrutura, a grada e as fachadas exteriores.

Descargar todas as imaxes