Escoitar

Vigo destina máis de 28 millóns de euros á política social en 2026, un 18% máis que o ano anterior

O alcalde debullou as principais partidas desta área entre as que destacan os 15,3 millóns de euros destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como 2,5 millóns para becas de comedor. Como novidade, os maiores de Vigo terán acceso ao proxecto Vigo Social TV. As axudas de emerxencia municipal contarán cunha asignación inicial de 1,3 millóns de euros.

mércores, 22 out 2025
Imaxe de arquivo
Imaxe de arquivo

O alcalde presentou o orzamento municipal de política social para o ano 2026, que ascende a máis de 28 millóns de euros, o que supón un incremento de 4,3 millóns respecto ao exercicio anterior. “A dedicación do Concello de Vigo á política social sobe un 18%, demostrando unha vez máis que esta cidade é líder en atención ás persoas”, explicou

Entre as principais partidas, destacan os 15,3 millóns de euros destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como 1,76 millóns para o Centro Cedro. As axudas de emerxencia municipal contarán cunha asignación inicial de 1,3 millóns de euros, “aínda que sen límite orzamentario, porque en Vigo atendemos a toda a xente que o necesita”, explicou Caballero.

As becas de comedor escolar, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, tamén se conceden sen límite, “malia ser competencia da Xunta, que non as paga; faino o Concello de Vigo”, lembrou o alcalde. Amais, o Concello dedica 1.053.000 euros ao albergue municipal, “única cidade de Galicia que ten este servizo”.

Como novidade, Caballero anunciou a posta en marcha de Vigo Social TV, cun orzamento de 469.300 euros, un proxecto innovador de comunicación social e información cidadá para persoas maiores. Outros programas relevantes son o socioeducativo (829.288 euros), o de coidadores de barrio (611.000 euros), e as actuacións vinculadas a “Vigo, cidade amiga das persoas maiores”, cunha partida de 313.000 euros centrada na loita contra a soidade non desexada. Ademais, o Concello destinará 350.000 euros á cofinanciación de centros de día en Teis, Coia e Valadares.

O programa Vigo Inclusivo contará con 90.000 euros, mentres que a teleasistencia municipal, gratuíta para a cidadanía, disporá de 192.000 euros. O servizo Xantar na Casa, que leva comida a persoas con necesidades especiais, ascende a 168.000 euros.
Ademais, os convenios con entidades sociais suman 571.448 euros e os comedores sociais recibirán 471.685 euros

Orzamento da Xunta de Galicia

Caballero aproveitou a presentación para criticar a política social da Xunta, denunciando que “tras declarar incompatible a RISGA co Ingreso Mínimo Vital, deixaron a moita xente sen axuda autonómica, e agora reducen no orzamento a asignación da RISGA en 24 millóns de euros. É un escándalo”.

O alcalde tamén cualificou de “déficit dramático” a falta de prazas residenciais públicas para persoas maiores en Vigo, lembrando que “é unha competencia exclusiva da Xunta e que destina 0 euros a este fin”. Engadiu que a única nova residencia prevista “será na ETEA e será financiada por unha fundación privada”.

Por último, destacou o compromiso municipal coa entidade AFAN, á que o Concello achega 65.000 euros anuais, fronte aos 15.000 euros que lle debe a Xunta.

Descargar todas as imaxes