Escoitar

Caballero solicita ao sector empresarial un consumo responsable da auga

O alcalde advertiu de que o nivel dos encoros que abastecen a cidade se sitúa “en torno ao 50% da súa capacidade”, o que obriga a “prever medidas por se non hai choivas suficientes a curto prazo” e a continuar aplicando o aforro e a responsabilidade no consumo de auga. Abel Caballero manterá mañá unha xuntanza co alcalde de Baiona para abordar o abastecemento no municipio do Val Miñor.

mércores, 15 out 2025

Caballero enviou unha carta ao sector empresarial e aos grandes consumidores solicitando un uso responsable da auga, insistindo en que “é imprescindible reducir o consumo e economizar” e apuntando que “a presa conta con menos de cen días de capacidade de abastecemento”.

O alcalde destacou que a cidade conta actualmente con subministro grazas á nova potabilizadora construída polo Concello, cun investimento de 23 millóns de euros: “Se non tivesemos esa instalación, agora mesmo quedaríanos só un mes de auga” e  reivindicou o esforzo conxunto de toda a área metropolitana: “Todos estamos tomando medidas en Vigo, estamos resistindo, temos a potabilizadora feita, e mentres tanto a Xunta non baixa o caudal do río”.

Na carta tamén hai un chamamento aos concellos da contorna —Soutomaior, Redondela, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas, Nigrán, Gondomar, Moaña e Cangas— para que economicen auga. “A Xunta di que non hai ningún problema e que eles garanten o abastecemento. Garanten o que? Quen garante é Vigo. Temos máis de noventa días de auga grazas a Vigo”, afirmou.

Caballero criticou a falta de acción da Xunta de Galicia, afirmando que “non fai nada” e reclamando que “baixen o caudal do río ata que as presas acaden niveis do 70 ou 80%. Seguen aplicando unha norma antiga, baseada nas estacións do ano, cando o que se debe ter en conta é a cantidade real de auga embalsada". Tamén reclamou de novo a construción dun novo encoro máis arriba “que é a garantía do abastecemento estable para toda a área, incluída Baiona, durante todo o ano”.

“Seguiremos atendendo ao problema da auga”, concluíu.

Descargar todas as imaxes