O Concello inicia a tramitación urbanística que permitirá semipeonalizar a Praza de España
A Xerencia de Urbanismo comezará a tramitación administrativa que permitirá converter a Praza de España nun espazo verde e paseable. O Concello recibirá novos tramos viarios tal e como se recolle nos convenios que comezan a xestionarse.

O alcalde avanzou que na próxima Xerencia de Urbanismo se iniciará a tramitación dos convenios urbanísticos de xestión das tres mazás da Praza España. Estes acordos teñen por obxecto a cesión de novos tramos viarios para completar o anel perimetral o que, así mesmo, permitirá a semipeonalización da Praza, tal e como contempla o novo PXOM.
Deste xeito, explicou Caballero, o tráfico desviarase por eses novos viais o que facilitará contar un espazo verde e paseable, “unha nova dimensión de entender a entrada a Vigo e a Praza de España”.
Esta iniciativa tamén permitirá a construción dos solares actualmente baleiros. Posteriormente e a través dos estudios de detalle que van comezar de xeito inmediato, garantirase a calidade estética destas edificacións.