Caballero reitera a necesidade da creación "inmediata" da facultade de Medicina
O alcalde mantivo un encontro este xoves co reitor e a vicerreitora de investigación da Universidade de Vigo con quen abordou a demanda da cidade de contar "cunha facultade de Medicina que ten que ser establecida inmediatamente”. “Vou facer todo o que sexa preciso para que a haxa”, recalcou ao incidir que nesta reclamación conta co apoio “masivo” da cidadanía.

Abel Caballero insistiu hoxe, durante a reunión celebrada na alcaldía con Manuel Reigosa e Belén Rubio, na demanda do Goberno Municipal de dotar á Universidade de Vigo cunha facultade propia de Medicina e o seu rexeitamento ao modelo descentralizado da docencia que se aplica desde o ano 2015 ao que se opuxo desde inicio e que se demostrou fracasado. “Non se pode volver ao modelo que fracasou”, afirmou.
Tras lembrar que Vigo é a única gran cidade española sen facultade Medicina e que a área sanitaria conta con profesionais, tecnoloxía e hospitais capacitados para desenvolver un alto nivel de docencia, Caballero censurou a negativa da Xunta de Galicia que "incomprensiblemente non quere que haxa unha facultade de Medicina en Vigo”.
O alcalde afirma que coa demanda de descentralización de ditas facultades en Galicia repítense os argumentos que expresaron os opositores á creación das tres universidades galegas “que todos demostraron ser falsos porque temos unha gran universidade”.
MIR
O alcalde reiterou este xoves o seu rexeitamento á actitude do conselleiro de Sanidade que aceptou a decisión do ministerio de Sanidade de eliminar Vigo como sede de celebración dos exames de MIR, mentres a conselleira de Cáceres se opuxo á mesma medida ata conseguir que se revertese a decisión. “Sempre, desde Santiago e desde a Xunta, en contra de Vigo”, afirmou.