Abel Caballero: “Vigo debe ser inmediatamente incluída como sede do Mundial tras a renuncia de Málaga”
O rexedor explicou esta mañá o informe xurídico elaborado por Montero Aramburu & Gómez-Villares Atencia, sobre o que destacou que “non é un informe de parte, elabórano co seu criterio e visión” en base a todos os feitos acaecidos no proceso.

“Queremos priorizar a vía do diálogo”, indicou o alcalde, xa que dentro das alternativas que inclúe o informe “priorizaremos aquelas actuacións que significan a inclusión inmediata de Vigo”, aínda que, “non descartamos emprender outras accións de acordo co ditame”. “Vigo debe ser inmediatamente incluída como sede do Mundial tras a renuncia de Málaga”, sinalou.
Caballero explica que o informe ten como obxectivo “determinar as vías de actuación” a efectos de ser sede do Mundial 2030. “Suxire actuar simultaneamente en tres frontes” para que a candidatura olívica sexa “valorada e recoñecida xustamente”:
- Instar á Federación a que comunique á FIFA que, tras a renuncia de Málaga como sede, Vigo debe ocupar o seu lugar na lista de sedes preseleccionadas.
- Remitir unha comunicación ao Presidente da FIFA solicitando directamente esa substitución, con base na renuncia de Málaga.
- Nesa mesma comunicación á FIFA, informar sobre as irregularidades observadas no proceso de preselección levado a cabo pola RFEF, sen ánimo de denuncia, senón só por se o Comité de Ética da FIFA considera necesario intervir.
Posteriormente, o mesmo ditame xurídico “analiza outras vías de actuación adicionais”, que a pesar de non ser as máis veloces e idóneas, o alcalde indicou que “non se descartan por completo”. Estas vías son accesibles debido a unha posible vulneración do principio de obxectividade e a negativa a ofrecer información é considerada un "elemento indiciario" de irregularidades e un incumprimento do marco normativo aplicable á RFEF neste procedemento. O informe subliña que a RFEF non pode invocar a confidencialidade para negar o acceso á información mentres rexeita estar suxeita ás esixencias de obxectividade e transparencia establecidas pola FIFA.
Dentro das vías de actuación existentes, poderáse actuar por tres vertentes: xurídico-administrativa, actuacións segundo a normativa FIFA e do Mundial, actuacións no ámbito do Dereito da Competencia e a vertente penal. Finalmente, Abel Caballero, quixo sinalar que “apoiamos con todas as nosas forzas a candidatura de Valencia, non estamos entrando en competición con ela”, xa que defende a idea de que España obteña 12 sedes.

