Escoitar

O Nadal de Vigo terá case 12 millóns de luces led en 460 rúas

Abel Caballero participou este mércores no inicio da montaxe da iluminación de Nadal onde anunciou que se estenderá pola zona de Vialia, Urzáiz e Bouzas e augurou que este próximo será o mellor da historia de Vigo: “Imos pulverizar o dato de visitantes”, afirmou.

mércores, 30 xul 2025

A Porta do Sol foi o escenario do inicio da montaxe da iluminación de Nadal. Abel Caballero achegouse ata a zona para saudar ao equipo de traballo da empresa Ximénez e arrancar coa instalación dos elementos luminosos.

O Nadal de 2025 terá case 12 millóns de luces led repartidos en 460 rúas, 40 máis que o ano pasado e tamén un número maior de leds superando o que xa fora récord o ano pasado. 7.000 motivos ornamentais engalanarán distintas zonas de Vigo cun Nadal que medrará a máis zonas da cidade como Vialia, Urzáiz e Bouzas. “Comezamos xa a montaxe porque todo está medido, estudado, planificado e organizado; non hai improvisación e xa traballamos no Nadal de dentro de dous e tres anos”, argumentou.

Como novidade o alcalde tamén anunciou que se mellorará a experiencia do turista con rutas planificadas, de tal xeito que se poderá optar por distintos itinerarios segundo os días que dure a viaxe.

O día do acendido aínda é un segredo, así como outras novidades que se desvelarán co avance dos días ata o día sinalado “que marca o inicio do Nadal en todo o planeta”. Caballero explicou a mellora ano tras ano do Nadal e dos efectos colaterais “porque temos moita aprendizaxe doutras edicións”.

Caballero puxo en valor o que Vigo conseguiu co Nadal, “que agora todas as cidades celebran estas datas, iluminan as súas rúas e iso é un orgullo do logro que fixemos como cidade”.

6,3 millóns de visitantes e máis de 800 millóns de euros de retorno económico

O alcalde augurou que Vigo “pulverizará o dato de visitantes do ano anterior” porque agora a cidade está mellor conectada, por exemplo co tren, coa redución de tempos en Alta Velocidade. Amais, tamén explicou que o Nadal atrae a familias que repiten ano tras ano, que toda Galicia visita a cidade nestas datas e que o norte de Portugal descubriu Vigo. “Os medios de comunicación sodes prescritores do Nadal, pero o boca a boca das persoas que nos visitan funciona moi ben”.

Sobre o retorno económico do Nadal de Vigo, Caballero estima unha cifra duns 800 millóns de euros. “Hai algo que é incalculable, que é o valor da imaxe de marca que xeramos en Vigo co Nadal”, concluíu.

Descargar todas as imaxes