Escoitar

O Concello lanza un “plan de choque” de 11 millóns para garantir vivenda accesible na cidade

Abel Caballero anunciou a constitución dunha Empresa Municipal de Vivienda dotada de 4,5 millóns e que se enmarca dentro dun "plan de choque" de 11 millóns que pretende garantir o acceso á vivenda na cidade. O alcalde defendeu a iniciativa municipal ante a "inacción absoluta" da Xunta de Galicia.

venres, 27 xuñ 2025

O Concello iniciará “inmediatamente” un plan de choque para garantir o acceso á vivenda. Vanse adicar 11 millóns que se incluirán na ampliación de orzamento que o goberno local aprobará nas próximas semanas.

O Concello adicará 4,5 millóns á constitución dunha Empresa Municipal de Vivenda “EMVIGO”. Esta entidade pública adicarase á promoción de vivenda, atendendo especialmente á de protección pública. Xestionará, administrará e executará convenios e acordos para a xestión; promoverá ou rehabilitará vivenda; asesorará á cidadanía; promoverá, construirá, comercializará, arrendará ou explotará calquera tipo de promoción inmobiliaria; redactará, xestionará e executará planeamento; desenvolverá programas de captación de vivendas baleiras, tanto garantindo aos propietarios a percepción das rendas como na compra de inmobles baleiros con destino a alugueiro a prezo taxado. Outras das funcións desta empresa pública, proseguiu Abel Caballero, será adquirir e enaxenar solo, así como xestionar e explotar obras e servizos relativos á actividade urbanizadora do solo.

A segunda gran medida anunciada hoxe polo alcalde pasa por adicar 2,5 millóns á adquisición de vivendas/baixos para vivendas públicas. O Concello adquirirá inmobles desocupados e situados no termo municipal de Vigo coa finalidade de asignalos a política de vivenda e/ou a convenios con empresas, organismos ou entidades que melloren o acceso á vivenda en Vigo. O programa establece una cantidade máxima por vivenda ou local comercial en función do estado, tamaño, zona e das reformas necesarias para a súa incorporación á oferta de alugueiro; obras que serán executadas polo Concello.

Caballero avanzou tamén a disposición de 3 millóns para a expropiación da parcela de AFAMSA á que se trasladará o Parque Central municipal para así para poder desenvolver vivenda protexida en Santa Cristina. Nese ámbito, de titularidade municipal, construiranse máis de 200 vivendas en réxime de protección. Nestes momentos, xa comezou a licitación do proxecto de urbanización.

Por último, o Concello adicará 1 millón ao programa Vigo Aluga que pretende incorporar vivendas ao mercado de alugueiro, dando seguridade aos propietarios e facilitando o acceso á vivenda a prezo taxado. Permitirá dar uso a inmobles baleiros, mellorando o estado do parque residencial e tratando de paliar a reticencia dalgúns propietarios ao mercado de alugueiro, ao tempo que resolverá as dificultades de moitas familias de acceder a unha vivenda digna.

O funcionamento de Vigo aluga comeza coa cesión dunha vivenda baleira ao Concello por un tempo a cambio dunha renda mensual que o Concello aboará ao propietario independentemente de que a vivenda teña ou non inquilino adxudicado. A renda estará dentro dos límites establecidos para as zonas tensionadas con axustes en función dos custos que o Concello teña que asumir para poder incorporar o inmoble en condicións dignas ao mercado de alugueiro.

Tal e como explicou o rexedor, o Concello disporá dun listado de demandantes de vivenda entre os que se alugará esta vivenda a un prezo taxado. Os inquilinos deste programa municipal nunca pagarán máis do 30% dos seus ingresos familiares. O contrato terá unha duración de 5 anos.

Caballero concluíu asegurando que este Programa de vivenda “é da maior importancia” porque mobiliza 11 millóns de euros para construír, rehabilitar e ofertar en alugueiro vivendas a prezo taxado para que en Vigo miles de persoas poidan acceder a unha vivenda. Trátase, engadiu, dunha obriga da Xunta pero a “inacción absoluta” do goberno autonómico obriga ao Concello incluír este plan dentro da modificación orzamentaria en trámite.

 

 

 

Descargar todas as imaxes