Escoitar

O alcalde presenta a "mellor" Gran Gala do Deporte organizada en Vigo, con récord de candidaturas

A “XXVI Gran Gala do Deporte de Vigo”, programada para o vindeiro xoves 3 de abril no Teatro A Fundación, será “a mellor que se fixo na cidade”, segundo anticipou hoxe o alcalde ao presentar unha edición que bate récord de presentación de candidaturas con 79 nomeados.

luns, 24 mar 2025

Abel Caballero presentou este luns, coa primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, así como con Juan Carlos Dasilva, director xeral de Prensa Ibérica en Galicia; Pedro Costa, director comercial de Faro de Vigo e Walter Álvarez, director territorial de Abanca, a vixésimo sexta edición da Gran Gala do Deporte de Vigo onde se recoñecerá aos mellores deportistas de 2024, femininos e masculinos absolutos, e ás mellores promesas sub 19. “É para celebrar a importancia do deporte en Vigo”, recalcou o rexedor ao expoñer a celebración do día 3 de abril.

O alcalde lembrou que entre os galardóns atópase o "Premio Luis Miró”, instituído en 2021 para premiar e recoñecer a traxectoria deportiva, e as 16 mencións especiais para deportistas olímpicos y paralímpicos.

Candidaturas

A vixésimo sexta edición conta con 79 candidaturas, das que 43 son de deportistas na categoría absoluta e 36 de promesas.

Caballero incidiu na vertente deportiva da cidade. “Vigo é unha cidade moi do deporte. Nós somos cidade de economía e do deporte que transversaliza a cidade pola forma de practicalo e pola vocación de desenvolver infraestruturas”, asegurou ao lembrar que está en construción a nova Bancada de Gol do estadio de Balaídos, ademais de pavillóns deportivos, campos de fútbol, espazos deportivos”.

O rexedor recalcou que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal colocará as infraestruturas deportivas “no nivel que demanda a cidade”.

O director comercial de Faro de Vigo agradeceu a colaboración do Concello e de Abanca para a "Gran Gala do Deporte de Vigo".

Descargar todas as imaxes