Abel Caballero destaca o investimento aprobado polo seu goberno de case 10,5 millóns de euros
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este luns a varios proxectos municipais, entre eles a humanización da rúa Pazo de Bouzas ou a contratación das obras de mellora da piscina de Teis.
“Hoxe tomamos decisións de investimento de case 10,5 millóns de euros. Aquí houbo mandatos enteiros de catro anos nos que o investimento non chegaba nin á metade desta cantidade”, destacou, “e isto nunha semana”. Así puxo en valor o alcalde as decisións adoptadas pola Xunta de Goberno Local entre as que destaca o deseño e produción de carrozas para a Cabalgata de Reis, o programa Vigo Educa para que as nenas e nenos coñezan a cidade, os mupis, a piscina de Teis, a rúa Pazo ou as bolsas de comedor que suman un total de investimento de 10.400.000 euros.
Humanización rúa Pazo
A Xunta de Goberno aprobou a contratación da humanización da rúa Pazo en Bouzas, un dos proxectos incluídos no Plan de Sostibilidade Turística, un plan global dotado cun máximo de 2 millóns de euros financiados cos fondos europeos Next Generation EU do Ministerio de Industria e as comunidades autónomas.
Tal e como explicou Caballero, a humanización da rúa Pazo priorizará o tránsito peonil fronte ao dos vehículos, que tamén poderán circular, e suma un importe de licitación de 435.901 euros. As actuacións inclúen a renovación da pavimentación con materiais acordes á contorna: baldosas e bordos de granito en dúas tonalidades de gris, renovación das redes de servizos coa instalación de iluminación eficiente, rede separativa para augas pluviais, renovación da rede de abastecemento, canalización da rede de telecomunicacións e soterramento do tendido aéreo e canalización da rede de enerxía eléctrica. O prazo DE execución será de 4 meses. Será unha “humanización en altísimo estándar. Atendemos a Bouzas e ao Casco Vello de Bouzas”, apuntou o alcalde.
Piscina de Teis
O goberno municipal aprobou tamén este luns a contratación das obras de mellora da piscina municipal de Teis cun investimento de 6.976.000 euros coa previsión estimada de que poidan comezar as obras no primeiro semestre do 2025 e estar rematada en dous anos. “É unha piscina practicamente nova. O incendio foi demoledor”, afirmou o rexedor que avanzou que o resultado será unha “piscina do primeiro cuarto do século XXI. Non escatimamos nin un céntimo para atender Teis nin para atender Vigo. A piscina faina o Concello, só o Concello. Terémola en uso o antes posible”.
As actuacións que contempla o proxecto inclúe a mellora das fachadas, cambiando o revestimento de pedra por un con illamento térmico, dúas novas salas para actividades deportivas, a renovación total das instalacións polos novos requisitos normativos sobre consumo enerxético, maior eficiencia e usos de enerxías renovable. Amais mellóranse os materiais de cuberta, renóvase completamente o sistema eléctrico, mellóranse os acristalamentos dos muros mediante vidros de baixa emisividade, actúase na accesibilidade universal, amplíanse os aseos e vestiarios para persoas de mobilidade reducida, incorpórase dotación para persoas ostomizadas e mellórase a protección contraincendios.