O rexedor felicita a Renfe polas rebaixas dos billetes da alta velocidade entre Vigo e Madrid durante o Nadal
Abel Caballero felicitou hoxe a Renfe por aplicar descontos nas tarifas ferroviarias de alta velocidade para fomentar os desprazamentos entre Madrid e Vigo para gozar do Nadal da cidade olívica. “Felicito a Renfe porque isto é o que se necesita porque Vigo-Madrid, co Nadal, é un destino enormemente desexado”, recalcou o rexedor.
O alcalde explicou hoxe que a nova oferta de Renfe inclúe billetes cun custo de 25 e 30 euros para viaxar en trens de alta velocidade, con orixe ou destino a cidade olívica, ata o próximo 12 de xaneiro de 2025. A campaña está dispoñible para desprazamentos entre Madrid, Segovia, Zamora, Medina e Vigo, en ambos os sentidos.
“Vigo-Madrid, neste momento, co Nadal, é un destino enormemente desexado e nós queremos que xente de Vigo poida ir a Madrid e os de Madrid veñan a Vigo porque se trata dunha acción turística e o que fai Renfe é rebaixar substancialmente o prezo dos billetes ata os 25 euros. Esta é a forma de gobernar, baixando o prezo dos trens, e da autoestrada”, recalcou Abel Caballero ao lembrar que “sigo reclamando a gratuidade total da autoestrada entre Vigo e Pontevedra porque o necesitamos”.