Escoitar

O goberno de Vigo reclama á Deputación a sinatura do convenio 2024-2027

O alcalde lamentou que Vigo “siga esperando a firma” do convenio anual por importe de 5 millóns de euros que viñan acordando ámbalas institucións nos últimos oito anos.

martes, 22 out 2024
Infografía do proxecto da piscina de Teis
Infografía do proxecto da piscina de Teis

“Seguimos esperando a sinatura do convenio anual por importe de 5 millóns de euros” sinalou o rexedor olívico, engadindo que o goberno municipal enviou toda a documentación precisa para o acordo no mes de marzo, polo que pasaron “oito meses e seguimos sen que a Deputación asine o convenio”.

A ausencia do acordo para este ano 2024 supoñería que a Deputación deixe de participar no financiamento de obras de interese para a cidade como a humanización das rúas da contorna de Balaídos, a iluminación do monte da Guía, a cuberta do Pavillón Coia, a nova piscina de Teis, a cuberta da bancada e os vestiarios do campo de Bouzas, a mellora do pavillón do Carballal en Cabral, a instalación do skate park cuberto de Navia ou a cubrición de patios como o do colexio Josefa Alonso, o do Celso Emilio Ferreiro ou o do Lope de Vega así como a humanización de Serafín Avendaño ou as beirarrúas de Clara Campoamor, segundo censurou o alcalde.

Abel Caballero reclama ao ente provincial a sinatura do convenio lamentando que a Deputación de Pontevedra non “amose interese en colaborar cando Vigo achega practicamente a terceira parte dos seus ingresos. Non quero crer que pretendan quitarnos un ano da subvención”.

 

Descargar todas as imaxes