Escoitar

O Plan estratéxico dos museos reconfigura e actualiza os espazos municipais

Abel Caballero presentou este luns o Plan estratéxico de Museos Municipais para o período 2024-2028 acompañado da tenente de Alcaldía e delegada da Área de Cultura, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, o director de Museos e outras personalidades do mundo da cultura de Vigo.

luns, 21 out 2024

O alcalde detallou o contido do documento co que o Concello quere reconfigurar e actualizar a rede museística municipal conformada por cinco espazos: o Pazo Quiñones de León, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura e o Verbum. “Queremos que a rede de museos municipais de Vigo se adapte a un mundo onde a cultura debe ser a gran forza motriz”, sinalou.

Tal e como apuntou Abel Caballero, o obxectivo principal do Plan Estratéxico é a planificación e mobilización dos espazos museísticos da cidade facéndoos atractivos para a cidadanía, fomentando o seu coñecemento e aumentando as visitas. O documento recolle tamén o propósito de segmentar e especializar os espazos para reforzar a súa singularidade e incrementar o seu potencial. Así, a partir de tres nodos ou ideas: identidade no Museo-Pazo Quiñones de León, memoria no Verbum e contemporaneidade na Casa das Artes, Casa da Cultura e Pinacoteca.

O Plan Estratéxico dos Museos Municipais 2024-2026 traza o futuro do Pazo de Castrelos como un “museo monográfico que poña en valor o pazo e os seus xardíns e ilustre e recree a vida non pazo a través do seu mobiliario, as artes decorativas e a colección de pintura”. En canto á Casa das Artes, será un espazo para exposicións temporais de artistas contemporáneos consolidados, amais de manterse como sede da Colección Torras, da Fundación Laxeiro, do Arquivo Pacheco e, como novidade, terá unha colección de arte galega contemporánea propia, que a día de hoxe está custodiada no Marco.

A Pinacoteca albergará a Colección Colmeiro, unha colección de Arte Galega contemporánea e exposicións temporais e a oferta da Casa Galega da Cultura quedará conformada co Museo Francisco Fernández del Riego e con exposicións temporais de artistas emerxentes.

O museo Verbum será o museo da cidade amosando os grandes fitos que configuraron e crearon a identidade de Vigo. Un proxecto para o que o goberno municipal contará co asesoramento de personalidades do mundo da cultura. O contido museístico quedará distribuído en tres áreas: a primeira planta dedicada á historia da cidade, a planta 0 amosará a arqueoloxía de Vigo, vinculada á historia da cidade, e a planta -1 servirá como depósito da colección de arqueoloxía.

O documento presentado este luns aborda tamén a promoción dos museos municipais entre os diferentes públicos: a posta en marcha do servizo educativo da Rede de Museos para escolares con visitas, actividades ou celebracións; as visitas en grupo, os museos en familia e a creación de comunidade nos espazos municipais.

Outra das vertentes que abrangue o Plan Estratéxico é a acción social para adaptar a rede museística a tódolos públicos, tamén a persoas con diversidade funcional, promovendo valores como a igualdade e a inclusión.

Así mesmo, a Rede de Museos municipais de Vigo potenciará a investigación, as ideas e o coñecemento con conferencias, ciclos e xornadas e participando en proxectos nacionais e internacionais.

Outras metas que recolle o documento son a ampliación de horarios, que se poñerá en marcha esta temporada, o reforzo da programación de exposicións temporais e a conservación preventiva de edificios e coleccións.

Descargar todas as imaxes