Escoitar

A Vigo Cup mobilizará a 5.000 participantes dende o 17 de xuño e Caballero lembra que a súa gratuidade aforra 15.000 € aos clubs en inscricións

Abel Caballero, alcalde de Vigo, anunciou que do 17 ao 30 de xuño ao redor de 5.000 participantes competirán nas modalidades de fútbol sala (do 17 ao 23) e de fútbol 7 e fútbol 11 (luns 24 ao domingo 30) nos mellores campos do municipio.

venres, 7 xuñ 2024

A Vigo Cup comezou coa súa presentación oficial no Concello. Abel Caballero, alcalde de Vigo, anunciou que do 17 ao 30 de xuño ao redor de 5.000 participantes competirán nas modalidades de fútbol sala (do 17 ao 23) e de fútbol 7 e fútbol 11 (luns 24 ao domingo 30) nos mellores campos do municipio. "Dubido moito que haxa ningún evento en España así”, subliñou o rexedor.

O torneo internacional, que contará con entre 55 e 60 clubs, moitos de Vigo pero tamén de Redondela, Mos, Nigrán, Gondomar e Tui, verá un verán máis a tradicional presenza de conxuntos do Fursan Hispania (Dubái). A eles súmase ao CD Romanón, club de Pola de Siero (Asturias), fundado en 1985. “Vigo, área metropolitana, outras comunidades autónomas e equipos internacionais: é un nivelazo”, resumiu o xefe do goberno municipal vigués. Como nos últimos anos, o campionato dispón do apoio da Real Federación Galega de Fútbol, o que agradeceu o alcalde ao dotar ao evento de maior oficialidade.

Esta edición de 2024 mobilizará unhas cifras similares, ou mesmo superiores ás de 2023, con “cinco mil participantes”, dixo o alcalde. En días de rexistro de inscricións e de cotexar as mesmas, a organización calcula esa cifra entre xogadores, cadros técnicos e colectivo arbitral. O ano pasado foron 4.894 os participantes rexistrados. Este ano, ademais, houbo unha novidade: a organización só permitiu equipos de clubs federados, seguindo as voces das propias entidades deportivas locais, que así o solicitaban para que se mantivese a esencia dos clubs como motor do deporte de base.

Quince categorías (dúas en fútbol 11, seis en fútbol 7 e sete en fútbol sala) competirán nesta Vigo Cup, coas finais no estadio municipal Pahiño, en Navia, e no polideportivo anexo. Así, a parroquia será epicentro das finais. Samil e outros campos municipais, ademais do propio Federativo de Coia, recibirán ao fútbol 7 e fútbol 11. De novo a categoría Sub-6 de fútbol 7 será non competitiva. No fútbol sala, ademais de Navia e a Vermella, contarase co pavillóns de Bembrive (Vicente Álvarez) e do Berbés, ademais da polideportiva de Balaídos.

“Imos dicirlle ao alcalde de Madrid que iguale isto”, chanceou Caballero. Para él, a Vigo Cup, e a multitudinaria presenza de directivos dos clubs da cidade na presentación do evento, “a máis importante de cantas presentacións fai este Concello”, dixo, é “unha mostra de algo que valoro moito: a unidade desta cidade; todos queren gañar, pero están aquí nun proxecto único”, sostivo. O alcalde estivo acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, presidentes e directivos do Sárdoma CF, Balaídos CF, CD Coya, Racing de Castrelos e UVCD Candeán, membros da organización e da RFGF así como voluntarias da Fundación VIDE, encargada polo Concello da organización deste campionato, e empresas do sector privado (New Balance e Frutas Nieves) que patrocinan o deporte local de base con VIDE.

Abel Caballero tamén lembrou que desde que en 2021 este torneo eliminou o pago de inscrición, “o que significa que os clubs deixan de abonar uns 15.000 € de media en cada edición, ás veces ata 20.000". Deste xeito VIDE asume todo o gasto dos quince días de competicións, dentro do seu orzamento anual.  

Descargar todas as imaxes