Escoitar

A Selección Española de Baloncesto Feminino preparará os Xogos Olímpicos en Vigo

Realizará unha concentración na cidade entre o 15 e o 26 de xuño, disputando o Torneo Cidade de Vigo fronte a China e a Turquía no pavillón das Travesas.

mércores, 22 mai 2024

As mellores figuras do baloncesto español, capitaneadas polo seleccionador vigués Miguel Méndez, adestrarán en Vigo do 15 ao 26 de xuño, no pavillón de As Travesas, onde tamén xogarán fronte ás seleccións de China e Turquía os días 21, 22 e 23 de xuño.

O pavillón municipal de Quirós acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación do Torneo Cidade de Vigo de baloncesto feminino. Abel Caballero e Carmela Silva, acompañados pola presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar, e polo presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, anunciaron esta mañá que a selección vai completar no mes de xuño en Vigo a súa preparación de cara aos Xogos Olímpicos de París 2024.

O alcalde de Vigo asegurou aos medios de comunicación que “esta cidade está agradecida á Federación Española de Baloncesto e á súa presidenta. Imos gozar de baloncesto con dous grandes rivais”, para preparar as olimpíadas, “aínda que a nosa selección feminina española é máis grande aínda”. Ademais, o rexedor quixo destacar o papel do seleccionador feminino, Miguel Méndez, “que non só é de Vigo, é que o ano pasado démoslle o nomeamento de Vigués Distinguido”. Finalmente animou á cidadanía a gozar “de días de gran baloncesto”.

Pola súa banda, Elisa Aguilar, afirmou que “Vigo deunos sorte, porque neste último ano fomos prata no Europeo e clasificámonos para os Xogos Olímpicos de París. E que mellor que preparar esa cita olímpica en Vigo, unha cidade que respira baloncesto”. A presidenta da FEB animou á afección “a que se pase por As Travesas porque será un torneo de gran nivel con dúas seleccións como China e Turquía. Vémonos pronto e asegúrovos que se vimos de París cunha medalla olímpica, aquí nos tedes tódolos veráns”. Tamén o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, afirmou que “conxuranse dous aspectos importantes para poder celebrar un gran acontecemento na nosa cidade: o amor polo deporte de Vigo e a axuda incondicional do Concello”.

Descargar todas as imaxes