Escoitar

Caballero anuncia que a proba final da Copa de España de ciclismo, en Vigo o día 19, rematará no Castro

Os últimos cinco quilómetros de carreira cruzarán Vigo desde o norte (avenida Buenos Aires), para que a serpe multicor alcance a liña de meta no Castro por vez primeira en catro anos de historia. "A gran novidade deste ano vai ser que a meta estará situada no Castro, o sitio onde arrincou Vigo", avanzou o xefe do goberno municipal.

martes, 7 mai 2024

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou en rolda de prensa que a última parada da Copa de España de ciclismo Elite e Sub-23, que se disputará en Vigo o vindeiro día 19, domingo, partirá ás 10:45 horas da Praza do Rei, con saída neutralizada ata a avenida Ricardo Mella, onde se producirá a saída lanzada (11:00) á altura da EDAR do Lagares.

Como en 2022 e 2023, a saída neutralizada terá lugar diante do edificio consistorial, pero despois dos dous últimos finais no alto (na Madroa), organización e Concello decidiron achegar a carreira á cidadanía, con final no Castro tras percorrer cinco quilómetros por Buenos Aires, Sanjurjo Badía, García Barbón, Colón, Urzaiz, Gran Vía, Venezuela, Marqués de Alcedo e Paseo dos Cedros.

"Van ser os mellores cinco quilómetros de calquera volta ciclista en ningún lugar do mundo", subliñou o rexedor, moi satisfeito ao coñecer que Álvaro Pino é o director da carreira. "En 1986, como ministro de Transportes, en Xerez tiven o privilexio de darlle a copa de campión da Volta a España", lembrou o rexedor.

Acompañado por José Luis Chamorro, presidente do CC Vigo Rías Baixas, organizador, da directora deportiva, Paula Sanmartín, o ciclista británico Owen Lightfoot e de Lois Sío en representación de Zico, patrocinador técnico do equipo ciclista vigués, Caballero fixo votos para que algún ciclista do grupo deportivo vigués poida gañar a carreira.

O Concello é o patrocinador principal dunha carreira de fondo na estrada que conta cun 70% do seu orzamento cuberto polas administracións públicas. Chamorro agradeceu o apoio do alcalde para esta IV Copa Vigo, lembrou que a proba "veu para quedar" grazas ao compromiso municipal, e que non só é a máis longa das once que compoñen o circuíto nacional afeccionado, senón que tamén é a "máis dura", cos corredores salvando ata cinco portos de montaña (os altos da Groba e Tebra e os montes de Alba, Galiñeiro e Aloia).

O pelotón pasará por doce municipios. Ademais de Vigo, irá por Nigrán, Gondomar, Baiona, Oia, Tui, Tomiño, O Porriño, Ponteareas, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela.

Descargar todas as imaxes