Escoitar

Abel Caballero valora as Sociedades Mixtas Pesqueiras como “magnífica palanca para facer economía”

O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou hoxe o Informe sobre o impacto económico e social das Sociedades Mixtas Pesqueiras de España, elaborado por ARDÁN e a Universidade de Vigo.

venres, 19 xan 2024
Intervención do alcalde durante a presentación do informe
Intervención do alcalde durante a presentación do informe

Na súa intervención, o presidente do Consorcio da Zona Franca de Vigo manifestou o seu convencemento de que as Sociedades Mixtas Pesqueiras son “unha magnífica panca para facer economía e na forma da modernidade” e sinalou a necesidade de enfocar a relación con países terceiros “desde a colaboración, o respecto e o recoñecemento da súa soberanía e da súa dignidade”.

O alcalde amosouse convencido de que as SMPs “son o instrumento da globalización do século XXI” e puxo en valor que “favorecen aos máis de 400 millóns de persoas que conformamos Europa en algo tan importante como é a alimentación saudable”. Engadiu amais que “visto desde a economía, a sociedade, a política e a modernidade, as SMPs son o mecanismo perfecto e o que temos que defender. Asístenos a razón e hai que defendelo cada día en Europa”.

Pola súa banda, Ana Mejías, vocal substituta do Delegado Especial do Estado no Consorcio Zona Franca, cualificou a xornada de hoxe como “economía con maiúsculas” e destacou que “Ardán converteuse nun referente a nivel nacional e os seus resultados son utilizados por multitude de axentes económicos e do ámbito da investigación”. Engadiu que o informe de SMPs “ilustra precisamente esta realidade, que a pesca e toda a súa cadea de valor teñen unha relevancia transcendente a nivel local, porque cando falamos da pesca en Vigo é falar do liderado en Galicia, España e a nivel mundial”

O estudo conclúe que as Sociedades Mixtas Pesqueiras deben constituír un instrumento relevante e eficaz da estratexia da Unión Europea e reivindica novos aranceis para a súa produción, así como o impulso de instrumentos financeiros que permitan a renovación da frota de acordo cos novos estándares de sostibilidade.

A actividade económica das Sociedades Mixtas Pesqueiras xerou unha produción de 5.889 millóns de euros, un valor engadido bruto de 3.032 millóns de euros e un total de 139.254 postos de traballo no conxunto da Unión Europea e de terceiros países.

Durante a presentación púxose en valor a relevancia desta actividade polo valor económico que xera e polo seu impacto social, que se pon de manifesto polo emprego creado e a súa achega no cumprimento dos ODS de fin da pobreza, fame cero, igualdade de xénero, traballo decente e crecemento económico, industria, innovación e infraestrutura, redución das desigualdades, produción e consumo responsable, vida submarina e alianzas para lograr obxectivos.

Estes datos forman parte dos principais resultados do Informe sobre Empresas Mixtas Pesqueiras de España, elaborado polo Servizo de estudos ARDÁN e a Cátedra ARDÁN da Universidade de Vigo. Na presentación participaron tamén a vocal substituta do Delegado Especial do Estado no Consorcio, Ana Mejías, o presidente da Asociación ACEMIX, Javier Touza, e o presidente da asociación ANEPAT, José Ramón Fontán.

O estudo, elaborado polos profesores Xavier Martínez Cobas e Carlos Fernández-Jardón, ten como obxectivo poñer en valor o impacto económico e social que representan as Sociedades Mixtas Pesqueiras, a través dunha estimación realista da creación de riqueza, emprego e valor social ademais da contribución das prácticas implantadas no exercicio desta actividade cara a un desenvolvemento máis sostible.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes