O Concello aprobou preto de 5.000 axudas de emerxencia en 2023
Abel Caballero explicou este mércores que, coas 74 axudas de emerxencia aprobadas polo goberno municipal na comisión do 27 de decembro, o Concello apoiou a cerca de 5.000 persoas, destinando un total de 1.300.000 euros.
O executivo vigués pechou 2023 aumentando o número das axudas de emerxencia concedidas, xa que na última comisión do ano aprobou o apoio a 74 persoas, por un importe de 25.511 euros. Así o explicou o alcalde ao apuntar que ao longo do ano pasado preto de 5.000 vigueses contaron co apoio do Concello para responder a situacións de urxencia, e que a esta partida de Política Social destináronse 1.300.000 euros.
O rexedor detallou que a maior parte das 74 axudas aprobadas na última quincena de 2023, un total de 51, destináronse a solucionar problemas de vivenda. A estas hai que sumar outros 21 apoios para luz e auga, e dúas para óptica.
Caballero lembrou que as axudas de emerxencia do Concello son compatibles co Ingreso Mínimo Vital.
Bonotaxi
O alcalde explicou que, na última xunta de goberno de 2023, o executivo local aprobou a subida das axudas de bonotaxi que perciben as persoas maiores con mobilidade reducida. Así, as persoas coas rendas de ata 800 euros ven incrementada a achega en 100 euros e dispoñerán dun máximo de 400 euros anuais. Os beneficiarios con ingresos de ata 1.100 euros contarán cun aumento de 75 euros ,co que contarán con 275 euros ao ano. O acordo fixa un incremento de 50 euros para quen ten ingresos de ata1.500 euros, fixando unha axuda anual de 150 euros.
Caballlero indicou que en 2023 o Concello destinou 17.300 euros para subvencionar o bonotaxi de persoas que o utillizan para acudir a citas de saúde, realizar xestións, así como a visitar a familiares. Tras apuntar que non hai listas de espera para acceder á subvención, lembrou que o prazo de solicitude permanece aberto durante todo o ano .