O 8 de setembro saen de Vigo os primeiros estudantes do “Vigo en Inglés 2023”
O Concello planifica un total de 24 voos que partirán do aeroporto de Vigo con destino a Reino Unido e Irlanda cos 925 alumnas e alumnos vigueses que aprenderán inglés co programa municipal de inmersión lingüística.
O vindeiro venres, 8 de setembro, saen os dous primeiros voos do programa municipal “Vigo en inglés 2023”, no que viaxarán 64 alumnos de diferentes institutos da cidade e o sábado, 9 de setembro, parte o terceiro dos voos programados con outros 25 estudantes vigueses.
O alcalde avanzou este martes que, entre os meses de setembro e outubro sairán do aeroporto de Vigo 24 voos para desprazar aos 925 alumnos bolseiros, que estudarán inglés en 52 destinos de Reino Unido e Irlanda. Irán acompañados por 70 monitores do programa que se encargan de atender as necesidades do estudantado durante a súa estadía no ligar de destino.
O programa municipal de inmersión lingüística “Vigo en inglés” ten un orzamento anual de 2,2 millóns de euros. É “excepcional, un dos grandes programas da cidade, un dos programas de acción educativa máis importantes de España”, recalca o rexedor.
A bolsa municipal que recibe o alumnado inclúe a estadía de 3 semanas no Reino Unido ou Irlanda, os gastos de viaxe de ida e volta, a matrícula nun curso intensivo de mellora en lingua inglesa, as actividades de lecer, culturais e deportivas extracurriculares, o aloxamento en réxime de pensión completa os 7 días da semana e os gastos de transporte urbano.