O bus turístico percorrerá as rúas de Vigo dende o 1 de xuño ao 30 de setembro
Dende o xoves 1 de xuño e ata o sábado 30 de setembro os visitantes poderán realizar unha viaxe singular dos recunchos máis característicos da cidade. O ano pasado subiron ao bus turístico máis de 8.000 persoas. O autobús conta con audio guías en 8 idiomas, dúas alturas e teito despregable.
Vitrasa pon en marcha, un ano máis, o servizo de Bus Turístico durante este verán para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente 90 minutos os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo. Dende o xoves 1 de xuño e ata o sábado 30 de setembro os visitantes poderán realizar unha viaxe singular polos recunchos máis característicos da cidade. Dende 2004, este servizo foi empregado por máis de 135.000 viaxeiros. En concreto, o ano pasado, subiron ao bus turístico 8.078 persoas. O Bus Turístico convértese nun plan idóneo para todo tipo de visitantes pero tamén nunha oportunidade para os cidadáns de Vigo de coñecer a súa cidade dende outra perspectiva e durante a que descubrir espazos que tal vez descoñecía.
Algúns dos puntos máis significativos de Vigo que poderán coñecer durante o percorrido son: diferentes edificios de interese histórico, monumento aos cabalos (Praza España), Monte do Castro, monumento Porta do Atlántico (praza de América), parque de Castrelos, Museo Quiñones de León e os seus xardíns, Estadio de Balaídos, a praia de Samil, a zona de Alcabre, o porto pesqueiro, entre outros. Ademais destes clásicos, os usuarios do turístico poderán ver durante o percorrido a transformación que a cidade experimentou nos últimos tempos cara un modelo máis accesible (rampas de Gran Vía, ascensores, etc.) e cultural (medianeras que amosan o arte mural de Vigo).
Durante o percorrido, o Bus Turístico realizará tres paradas para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías no Monte do Castro, Pazo Quiñones de León e a praia de Samil e así levarse os seus propios recordos da cidade.
Percorrido: Cánovas del Castillo (Estación Marítima) - volta rotonda - Cánovas del Castillo - Carral - M. Valladares - Rosalía Castro - Oporto - G. Barbón - Colón - Urzaiz-Príncipe - Urzaiz - Gran Vía - Praza España - Fernando Conde - Couto - Marqués de Alcedo - P. Rosalía Castro - Manuel Olivié - Praza España - Gran Vía - Praza América - Avda. Castrelos - volta rotonda Portanet - Avda. Castrelos - Entrada principal parque de Castrelos - Parque de Castrelos - Pontillón - Circunvalación - Avda. Castrelos - Portanet - Val Miñor - M. de Castro - Martín Echegaray - Avda. Castelao - Avda. Europa - Samil - Avda. Atlántida - Rotonda Avda. Atlántida á dereita - Rotonda Avda. Europa - Circunvalación de Bouzas - Bouzas - Beiramar - Cánovas del Castillo 22.
Reserva de billetes
A adquisición do billete para viaxar a bordo do Bus Turístico pode realizarse a través de diferentes vías. Os interesados poderán mercar o seu billete online ata unha hora antes da saída do autobús a través da plataforma viguesa de venta de entradas Woutick!. A ligazón para acceder a plataforma estará dispoñible na páxina web de Vitrasa (https://www.vitrasa.es/php/index.php) e en Turismo de Vigo (https://www.turismodevigo.org/). Con este sistema, os viaxeiros poden organizar mellor a súa visita á cidade reservando praza no bus para o día e hora que mellor se adapte a súas necesidades. O billete tamén se pode adquirir a pé de bus con tarxeta bancaria a través de TPV ou en efectivo. O prezo do percorrido é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os menores de entre 5 e 14 anos. Os menores de 5 anos viaxan gratis.
Horarios
O Bus Turístico conta con dúas alturas, teito despregable para mellorar aínda máis a viaxe dos usuarios e con audio guías dispoñibles en 8 idiomas diferentes (castelán, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso). Ademais conta cunha praza para Persoas con Mobilidade Reducida (PMR). O servizo, que funcionará todos os días, contará con dúas saídas pola maña ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas. O servizo arrinca e remata na Estación Marítima de Vigo (Cánovas del Castillo).