O bus turístico percorrerá a cidade durante a Semana Santa
Ante a previsión de visitantes durante este período, o Concello poñerá en marcha o servizo entre o 3 e o 9 de abril ofrecendo rutas de noventa minutos polos lugares máis representativos de Vigo.
O alcalde anunciou este venres a posta en funcionamento do autobús turístico da cidade durante a Semana Santa na que se espera a chegada de turistas a Vigo. Ademais, avanzou o apoio económico municipal aos actos relixiosos que se celebren con corais e bandas de música na rúa para acompañar as procesións co fin de que “a xente que por razóns de cultura ou relixión queiran velas” poidan facelo “nas mellores circunstancias”.
Desde o luns 3 de abril e ata o domingo 9 de abril estará en funcionamento o autobús turístico que ten a disposición da pasaxe audioguías en 8 idiomas e que percorre, durante noventa minutos, os lugares máis representativos da cidade: edificios de interese histórico, Praza de España, O Castro, Praza América, parque de Castrelos, Museo Quiñones de León, Balaídos, Samil, zona de Alcabre, pasando polas ramplas da Gran Vía, os ascensores ou as medianeiras. Ademais, fará tres paradas para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías no Castro, Pazo Quiñones de León e a praia de Samil.