A Xunta de Goberno aproba o proxecto da rampla mecánica entre Ramón Nieto e o Centro de Saúde de Lavadores
O proxecto ten un importe de máis de 1.800.000 euros e humanizará a zona do Centro de Saúde de Lavadores e o colexio Fonte Escura.
Abel Caballero deu conta da aprobación en Xunta de Goberno do proxecto para a implantación de ramplas mecánicas na conexión da rúa Ramón Nieto co entorno do Centro de Saúde de Lavadores e o colexio Fonte Escura. O importe da actuación é de 1.814.513,63 euros e ten un prazo de execución de 10 meses, co inicio previsto das obras no mes de marzo, logo da súa licitación e adxudicación.
Para o alcalde esta actuación “é un proxecto moi importante e de gran envergadura” xa que ademais da implantación do corredor mecánico, haberá unha humanización do entorno.
A actuación afecta a 123 metros de rúa coa instalación de 3 ramplas de cerca de 40 metros de lonxitude: “Salvamos 11 metros de altura, cunha pendente moi forte do 9% e nalgúns tramos do 12%”, explicou o rexedor.
Con todo, a humanización do entorno do Centro de Saúde de Lavadores e o colexio Fonte Escura inclúe novas canalizacións, renovación do saneamento e redes fecais, novos pluviais, soterramento do cableado, novas luminarias led, novo mobiliario, espazos verdes e arbolado.
Caballero manifestou que “Vigo é a cidade que ten agora máis proxectos de ramplas e escaleiras mecánicas e ascensores do mundo. Estamos nas humanizacións 5.0, unha nova dimensión da cidade”.
Así, lembrou actuacións en marcha como as ramplas de Gran Vías, o HALO, o ascensor da praza da Estación, a rampla de acceso ao Centro de Saúde de Teis, as ramplas en Escultor Gregorio Fernández, a ramplas e ascensor entre Travesía de Vigo e Aragón, a rampla do Paseo Granada, as escaleiras mecánicas de Talude, a rampla de Serafín Avendaño, o acceso mecánico de Carral a Porta do Sol, a unión de Romil con Hispanidade, colexio Losada con Ramón Nieto, o corredor mecánico de Juan Ramón Jiménez coa actuación entre Camelias e Hispanidade e Marqués de Valterra con Torrecedeira.