Escoitar

O Concello executou unha investigación arqueolóxica no dolmen de Casa dos Mouros

Esta mañá o alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, achegáronse a zona para coñecer con detalle as tarefas realizadas neste monumento megalítico catalogado como Ben de Interese Cultural.

xoves, 11 ago 2022

 

A intervención arqueolóxica con escavacións e sondaxes tiña como obxectivo coñecer de maneira máis precisa a estrutura e características do monumento funerario. Como sinalou Abel Caballero, “trátase dun monumento que podemos sinalar que é de 2000 anos antes dos castros celtas”, uns 3000 anos antes de Cristo.

Entre as achegas atópanse diferentes obxectos (unha punta de frecha, un machado pulimentado e diferentes pezas de material cerámico); tamén a presenza dun pequeno corredor de acceso á cámara megalítica central do que se conserva a pedra norte e non a pedra sur, sendo a zona de implantación desta última, talvez, o único sector realmente alterado en todo o xacemento e existen restos de pintura vermella en tres dos ortostatos que conforman a mencionada estrutura megalítica.

O equipo que levou a cabo a intervención (composto por Santiago Vázquez na dirección; un arqueólogo e catro auxiliares de escavación), rematarán hoxe os traballos de campo, tapando posteriormente a escavación de 70 metros cadrados para protexer as estruturas. Continuarase realizando un análise en laboratorio dos sedimentos para acabar de encaixar a información obtida.

Os expertos tamén detectaron a posible existencia doutras estruturas prehistóricas situadas nos arredores e baixo o propio xacemento funerario. Con estes resultados, o Concello realizará unha nova campaña de escavación para seguir resolvendo incógnitas e “coñecer a relevancia deste monumento de extraordinario interese” como sinalou o alcalde.

Descargar todas as imaxes