Escoitar

Vigo participa no programa ”A cidade, sen o meu coche”

luns, 28 mai 2001
O Concello de Vigo súmase á campaña europea, que se celebrará o sábado 22 de setembro, na que lles dará ós cidadáns a oportunidade de usar medios de transporte alternativos ó coche para estimular un comportamento compatible co desenvolvemento urbano.

Establecerase, durante esa xornada, unha área reservada exclusivamente a viandantes, ciclistas e transporte colectivo e realizarase, de forma paralela á celebración, un ciclo de conferencias e unha exposición sobre a problemática do tráfico.

Este acontecemento pretende ser o primeiro paso dunha iniciativa a longo prazo dirixida a concienciar a opinión pública sobre a necesidade dunha nova mobilidade urbana, evitando as molestias causadas polo uso irracional do coche na cidade.

Fomentarase a intermodalidade do transporte e ofreceranse alternativas que lle permitan á cidadanía gozar da convocatoria sen restrinxir a súa mobilidade. As medidas incluirán o incremento da oferta do transporte público e a adaptación das vías para favorecer os modos alternativos de transporte.

As cidades participantes deberán comprometerse a implantar unha actuación permanente que teña un impacto na mobilidade e no medio ambiente urbano. Neste sentido, o Concello de Vigo porá en marcha un proxecto de humanización dunha zona da cidade con reducción da circulación rodada e potenciará o espacio para os peóns.