Escoitar

Porteiro cre desproporcionada a proposta do Celta de celebrar os partidos da Champions fóra de Vigo

A concelleira de Deportes, María Xosé Porteiro, considera "absolutamente desproporcionada a reacción da directiva do R.C. Celta cando ameaza con levar fóra da nosa cidade, a Coruña, Porto ou Braga, os partidos da Champions League, ante as dificultades expresadas pola Concellería de deportes para asumir as intervencións necesarias coa celeridade e dispoñibilidade orzamentaria precisas".

mércores, 16 xul 2003
"Consideramos imprescindible recuperar para a institución municipal, que representa a tódolos vigueses, o respecto que calquera outra institución cidadá lle debe, máxime cando desde o Concello de Vigo e cos cartos de tódolos contribuíntes, se lle facilita a unha sociedade anónima deportiva a captación de millonarios recursos para o seu funcionamento desde hai xa moitos anos", afirmou Porteiro.

Este trato privilexiado do Concello para co R. C. Celta, SAD, pode atopar xustificación pola proxección que ten para a cidade a imaxe dun clube en primeira división do deporte que concita maior afición, o fútbol, e máis pola repercusión económica que ten a celebración na nosa cidade de partidos que xeran máxima expectación, pero non debería levar á práctica dunha relación descompensada e coercitiva por parte do Clube de cara a cidade, finalmente representada pola Corporación Municipal.

"A cidade de Vigo non merece o trato de permanente esixencia que lle dá o R.C. Celta dado que lle achega tanto ou máis do que este lle aporta", expresou a concelleira. Así se reflicte na relación de obras e transferencias realizadas na última década por corporacións nas que estiveron gobernos de tódalas cores políticas, do que non se pode desprender falta de cumprimento das obrigas previstas no convenio.

En relación coa Champions Leauge, o proxecto elaborado por técnicos municipais reduce as previsións iniciais plantexadas polo clube dos 600.000 euros iniciais a 156.808. Esta petición, ademais, faise por un procedemento inaxeitado, nun documento falto de rigor, tanto na presentación como no volume da petición mesma, como queda demostrado.

Dada a non existencia de partida orzamentaria á que se poida aplicar a súa realización e que o procedemento administrativo que a lei prevé para a súa contratación fai imposible que se realice nos prazos esixidos, desde o Concello se lle propuxo ao Clube que o asumise sen prexuízo de buscar algunha fórmula de colaboración posterior, ante o que se lle respostou cunha negativa rotunda.

A capacidade económica da Sociedade Anónima Deportiva Real Clube Celta de Vigo debe permitir, sen lugar a dúbidas, afrontar unha intervención de custe reducido se a comparamos con outras que está levando a cabo tanto no terreo deportivo como de funcionamento da propia sociedade.

Cando o R.C.Celta, SAD participa nunha competición como a Champions League ou a Liga de Fútbol profesional, recibe importantes fondos e axudas das organizacións respectivas, así como os beneficios por explotación publicitaria ou retransmisións, que o Concello lle cede na súa totalidade.

Porteiro dixo que "a cidade de Vigo non se merece que desde o R.C.Celta, SAD se lle devolva todo o esforzo e apoio prestados ao Clube con ameazas de levar competicións importantes fóra acusándonos a tódolos vigueses de non atender as nosas obrigas previstas no convenio citado".

Se o Celta quere xogar a Champions fóra de Vigo, só por non investir agora 156.000 euros que podería recuperar en parte máis adiante se as relacións fosen cordiais e correctas co Concello, serán da súa responsabilidade os prexuízos que se lle causen aos intereses económicos e comerciais dos cidadáns.

"O Concello quere deixar claro que representa e vela polos intereses públicos e da comunidade, así como pola boa administración e utilización dos recursos económicos de que dispón. Isto, sen perxuicio de intentar, sempre que sexa posible, conciliar os interese privados cos xerais", sinalou a concelleira.